Outro ano máis cos primeiros fríos de novembro a cada porco lle chega o seu San Martiño.
E na miña aldea tamén constitúe un dos momentos máis esperados do ano.
O día de matanza e os seguintes son unha festa.
A familia reúnese arredor do porco para ir preparando todo o ritual que conleva.
A MATANZA COMO SINAL DE ABUNDANCIA E FARTURA DOS ANTERGOS
O porco en Galicia ten unha influencia cultural importante. É un animal totémico polo que significa. É a fartura da familia durante todo un ano, por iso que vai criado con moito mimo e é estrado co melloriño toxo. Asimesmo procúrase que non lle falte de nada durante toda a crianza. Tamén se lle pon a argola no fuciño. Tempo atrás o porco era, para quen o criaba a garantía de non pasar fame en todo o ano.
Do mesmo xeito que a vaca axudaba no traballo do agro; carrexaba a herba e o toxo e toda a colleita, xunguíanse para labrar a terra e ata para ir á ribeira a apañar argazo e estercar as terras, o porco coidabase con agarimo no cortello.
Ter un porco era a mellor maneira de facer reciclaxe porque tamén se lle daban as sobras da casa e naqueles anos non se xeraban tantos envases coma agora polo que non quedaban residuos.Cebábase con millo, cebada, patacas, fariñas e ata coas lavaduras.
Da crianza do porco tamén se aproveitaba o esterco que producía e que servía, e serve, como fertilizante para as leiras. Desta maneira fórmase así unha cadea onde cada función está relacionada entre sí. Porco e dono saen beneficiados durante os meses de medra.
A crianza deste nobre animal ten o seu punto e final cos primeiros fríos de outono, logo de que pasen as choivas e o tempo claree.
Que sexa un día de norte o escollido, como lle chamamos nas Rías Baixas, frío e seco, ten a súa importancia porque axuda a curar mellor a carne e a non se estropear, pois o porco unha vez morto e limpo ten que permanecer colgado desde o día da matanza ata o seguinte que se corte peza por peza. Cómpre ser consciente que cando os nosos avós e bisavós facían a matanza non tiñan outra maneira de conservar a carne que salgala nun caixón de madeira chamado salgadoiro, afumala ou curala, pois non había frigoríficos e por iso era importante que a carne fose sen humidade.
Por aquel entón a matanza era un acto social e toda a aldea se reunía en torno á casa do veciño anfitrión.
As mulleres poñíanse por un lado e os homes polo outro, porque cada un tiña unha función asignada.
Viñan días de moito traballo.