O concerto, que comezará ás 20.30 h, correrá a cargo da soprano Christiane Karg e mais do pianista Gerold Huber. O crítico e musicólogo Luis Gago protagonizará a nova cita de ‘Conversando con’ na Sala Mozart ás 19.15 h.
Xoves, 24 de febreiro.- O Ciclo de Lied, organizado polo Concello de Santiago de Compostela coa coordinación artística de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e coa colaboración da Deputación da Coruña, despídese mañá venres da súa edición de 2021-2022 cun recital titulado ‘Infinita tenrura’ que se centrará no compositor e director Gustav Mahler (1860-1910) e correrá a cargo de dous artistas xermanos: a soprano Christiane Karg e o pianista Gerold Huber. O concerto celebrarase no Auditorio de Galicia ás 20.30 h. Desta volta, o Ciclo Lied integrouse no programa 2021-2022 da Real Filharmonía de Galicia-Auditorio de Galicia, que está a celebrar este temporada o seu 25ª aniversario.
Christiane Karg (Baviera, 1980) é unha soprano alemá que estudou no Mozarteum de Salzburgo e no conservatorio de Verona. Tomou clases maxistrais de nomes tan reputados como son os de Grace Bumbry, Mirella Freni, Robert Holl ou Ann Murray. Debutou en 2006 no Festival de Salzburgo e a partir da temporada 2008/09, pasou a formar parte da Ópera de Frankfurt. Pola súa banda, Gerold Huber (Straubing, 1969) é un prestixioso pianista clásico alemán, que estudou na Universidade de Munich e forma habitualmente dúo con Christian Gerhaher e outros cantantes como son Ruth Ziesak, Bernarda Fink ou Corenlia Kallisch. No seu haber, conta con diferentes distincións internacionais pola súa longa traxectoria polo seu acompañanto a Gerhaher. Neste senso, cómpre destacar que gañou en varias ocasións o German Phono Prize Echo Klassik ou o Prix International Pro Musicis París-Nueva York.
Charla con Luis Gago
Ás 19.15, a Sala Mozart do Auditorio acollerá unha nova cita de Conversando Con…, un ciclo de charlas que serve de prólogo a diferentes actuacións no Auditorio de Galicia. Nesta ocasión, como aperitivo ao derradeiro concerto do Ciclo Lied, contarase coa participación de Luis Gago (Madrid, 1961), musicólogo e divulgador. É profesor de violín e músico de cámara grazas aos seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Madrid. Foi subdirector e xefe de programas de Radio 2 de RNE, membro Grupo de Expertos de Música Seria da Unión Europea de Radiodifusión, coordinador da Orquestra Sinfónica de RTVE e editor do Teatro Real de Madrid.