O Consello da Cultura Galega entregará as súas medallas de honra hoxe  25 de febreiro

O Consello da Cultura Galega entregará as súas medallas de honra hoxe  25 de febreiro

Os galardoados son Luis García Montero, Helena González Fernández, pola promoción da lingua e cultura galega no exterior

O Consello da Cultura Galega (CCG) entregará as súas medallas hoxe 25 de febreiro. A celebración terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago e será retransmitida en directo a través de Internet. Os galardoados son Luis García Montero, poeta e actual director do Instituto Cervantes, e Helena González Fernández, profesora da Universidade de Barcelona, pola súa contribución na promoción da lingua e a cultura galega no exterior.
O plenario do Consello da Cultura Galega acordou na sesión celebrada o pasado mes de outubro recoñecer coa súa máxima distinción o apoio de Luis García Montero e de Helena González na promoción da lingua e cultura galega no exterior. A Medalla do Consello da Cultura Galega foi creada en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende salientar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. Os anteriores homenaxeados, en 2018, foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato.

 

 

Os homenaxeados
Luis García Montero (Granada, 1958), catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada, é un recoñecido poeta, ensaísta e crítico literario. Desde o 2018 dirixe o Instituto Cervantes, desde onde desenvolve un decidido programa na defensa da diversidade lingüística e cultural de España. Recibiu numerosos premios, entre eles o Premio Nacional de Literatura (1994), o Premio Nacional da Crítica (2003) ou Premio Poetas do Mundo Latino (México, 2010). É un bo coñecedor da figura de Rosalía de Castro, así como de numerosos autores españoles ou latinoamericamos como Adolfo Bécquer, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Luis Rosales, Rubén Bonifaz Nuño, Francisco Ayala ou José Emilio Pacheco.
Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular da Universidade de Barcelona, onde é docente de literatura galega e directora do ADHUC – Centro de Investigación en Teoría, Xénero e Sexualidade. Desde 2017 é académica correspondente da Real Academia Galega. As súas actividades de investigación e promoción cultural céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais as relacións culturais entre Galicia e Cataluña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.