Que pasou co Evanxeo de Mateo?

Cada vez que penso na situación económica actual, nos múltiples recortes en sanidade, educación e servizos sociais, a cabeza váiseme cara a  eses señores con sotana que din coidar das nosas almas. De feito o negocio da salvación que ten en marcha o Sr. Rouco Varela recibe do estado español uns 12.000 millóns de euros en números mais ou menos redondos (ven como doazóns directas e indirectas, ven como exención de impostos). O estado español gasta seis veces máis nas nosas almas que na nosa formación como cidadáns -as doazóns á división española do Vaticano é seis veces o presuposto do Ministerio de Educación-.

A  igrexa española debería facer bo o que se di no Evanxeo de Mateo (Mt 22, 15-22), que describe con detalle unha orde clara e precisa de Cristo sobre a responsabilidade dos cristiáns (e supoño que, por extensión, a súa igrexa) ante Deus e ante o Estado. Recordemos que nesta pasaxe bíblica, cando Jesús está ensinando no Templo de Xerusalén foi abordado polos fariseos e polos herodianos inquirindo sobre se alguén debería pagar tributo ao Cesar. A resposta foi clara e concisa: «Dade, pois, ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus». Con esta ensinanza o fundador da Igrexa Cristiá revela claramente que esta ten responsabilidades tanto ante Deus como ante o Estado: Hai cousas que debemos dar ao César (ao Estado) e cousas que debemos dar a Deus.

Se estes prelados renunciasen á asignación económica do estado (tanto á empresa matriz –a Igrexa- como as súas filiais –unha manchea de ONGs-) e pagasen os impostos debidos pola súas actividades (unha misa debería ter polo menos o mesmo IVE que unha boa obra de teatro) e polas súas propiedades mobles e inmobles, os españois salvaríamos a Lei da Dependencia e os Servizos Sociais (6.000 millóns de euros), manteríamos o noso Sistema Nacional de Saúde nas condicións en que se converteu nun referente mundial pola súa condición de universal e gratuíta (xa que de feito o recorte sanitario do último ano foi  dun 8% sobre 2011: 5.500 millóns de euros), e, aínda por riba, quedaríannos 500 millóns de euros para inverter en políticas activas de emprego co fin de atallar o paro xuvenil.

Supoño que a contribución do estado a igrexa non sufrise ningún recorte estará relacionado co feito de que media ducia de ministros do goberno pertencen a asociacións integristas como o Opus Dei ou os Lexionarios de Cristo. Iso si, TVE recomenda rezar contra o paro e os desafiuzamentos.

Como dixo Curros, … Que o demo me leve!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.