O máis doado a estas alturas é facer referencia á economía ou mesmamente á política que nestes intres invade a nosa vida social e persoal dun xeito desesperanzador. Non quixen escribir sobre este tema, pois diso xa temos dabondo durante o día e nalgunhas noites con soños que perturban o noso descanso… Nese rebumbio que produce impotencia dolorosa para a saúde mental. Hoxe quixen acudir a un curruncho da memoria e verter aquilo do que aínda non fixera reconto.
Este escrito céntrase no marabilloso entorno que temos nesta a nosa terra galega e o pouco tino, ou diría conciencia co que se manexa a riqueza natural.
Eu son dun pobo mariñeiro, alá polo Salnés. En concreto de Portonovo, localidade importante do Concello de Sanxenxo tanto por habitantes como pola economía desenvolvida. Na actualidade, presenta unha perspectiva ben distinta da que foi trinta anos atrás; cando entramos nesta vila, se accedemos pola autovía do Salnés con saída Sanxenxo, ábrese ante nós unha praia con abundante areal, deixando un espazo suficientemente amplo para ver un outeiro con centos de edificacións de bloques que non se encontran integrados na paisaxe, e que fan dano á sensibilidade de quen observa, rachando cun futuro que puido ser e non foi.
Portonovo contaba hai tres décadas cunha flota importante de barcos de baixura, mentras que hoxe, pódense contar cos dedos dunha man o número de embarcacións deste tipo que atracan no seu muelle. Para compensar, vense centos de lanchiñas de recreo…Cousas que pasan!. Como dicía, hai trinta anos, tiña unha lonxa que celebraba subastas a viva voz, un atractivo engadido á tradición e ao visitante. A lonxa era un lugar importantísimo de traballo para unha economía sempre vencellada ao mar.
Lembro con agarimo e ata entusiasmo o espectáculo que se producía cando os barcos chegaban de faenar; o olor a mar do meu avó mariñeiro, as voces da poxa…Eu que era nena estaba fascinada con todo aquilo, un misterio que quería desvelar, ¿que dician? Estaban a discutir? Os bares e restaurantes da contorna ao porto e da lonxa eran frecuentados polos mariñeiros e visitantes que chegaban á localidade para compartir as noites dinámicas en torno ás mareas para celebrar o bo xantar nese rematar a fin de semana coa famosa caldeirada mariñeira que ofrecía o típico Portonovo cos establecementos de sona; Manolito, O Corbeiro, Risonsiño ou O Burato. Estes eran algúns dos nomes de referencia na restauración que neste intre acoden a miña cabeza.
Ninguén era quen de dicir que estivo en Portonovo se nón probara os guisos de peixe e os chiquitos que se servían en Portonovo, nese mesturarse cos mariñeiros que viñan de facer a primeira marea e repoñían forzas nalgún destes locais.
Un novo panorama acontece no momento actual; onde había casiñas mariñeiras agora vense bloques de varias plantas, o espazo que media entre as edificacións na rúa é o mesmo que separaba a súa construción de orixen de altura baixa.
A deriva da explosión construtiva correu parella a perda de identidade en favor do malentendido progreso, poucos caeron na conta que a riqueza estaba en gardar as sinais propias do lugar.
E A PESAR DE TODO QUÉROTE
Cun microclima privilexiado co que a natureza dotou esta zona do Salnés, o turismo, dous meses ao ano, constitue hoxe o fundamental motor de desenvolvemento económico para o conxunto do Concello de Sanxenxo.
Cousas que pasan!