Visitar os elementos históricos artísticos como relato da historia

A AC. O Galo organiza a unha visita, o vindeiro sábado 23 de abril ás 12 da mañá, aos Tímpanos de Compostela 2. Un paseo para ollar os tímpanos nos exteriores que se encontran no exterior de diferentes construcións baixo a mirada de David Chao Castro (O Carballiño, 1974). Doutor en Historia da Arte pola USC.

Os tímpanos que servían de remate para as portas dos ornamentados frontispicios medievais, cumprían unha función destacada nos discursos teolóxicos e dogmáticos. Constituían un marco visible para os fieis que, a piques de entraren no interior dos recintos eclesiais, recoñecesen e reflexionasen acerca das iconografías sagradas alí dispostas, unhas iconografías vivificadas polo propio relevo (cando non imaxes exentas) e ca policromía que as cualificaba. E nesas entradas á Xerusalén Celeste na terra, o prioritario era dispor escenas de trasfondo escatolóxico que supuxeran unha guía de cara a acadar a Salvación.

A porta da igrexa de Salomé, na rúa Nova, permitirá achegarnos aos tempos do gótico, e ás mensaxes de devoción mariana que se acochan tras as representacións da pasaxe da Anunciación (bastante abundante en Galiza e cuestión que explicaremos). Interesa a iconografía da Virxe da O, onde María emprega unha man para a salutación ao arcanxo Gabriel, mentrespousa a outra sobre o seu ventre. Semella que esta igrexa perdeu o seu primitivo tímpano, se ben na clave so seu arco campa unha espléndida imaxe da Virxe do Leite, de inicios do século XIV.

Desde as etapas mateanas o tema da Epifanía acadou relevancia na escultura timpánica compostelá e galega. E vai ser sobre todo no século XIV cando atinxa unha grande difusión. Asunto que trataremos partindo do actual tímpano da porta principal da igrexa de San Fiz de Solovio, atribuido a un obradoiro ourensá formado na Claustra Nova da sé da cidade das Burgas. Polo seu epígrafe sabemos que o executou o mestre F. Paris.

Coidamos que o de San Fiz houbo de servir de inspiración para o tímpano que, procedente da igrexa do desaparecido convento de Santa María a Nova, se incorporou riba da porta traseira do edificio barroco que acolle a Facultade de Filosofía (cara a rúa da Cerca). Nel, ademais da Virxe co Neno, anxos cos incensarios, os tres Reis e san Xosé, atopamos a Adoración dos Magos, asemade, da figura do donante.

No tímpano da entratada ao cemiterio de San Domingos (hoxe da Confraría do Rosario), plásmase a devoción mariana e súa execución tamén parece deberse ao obradoiro gótico ourensá. Resaltamos que a ambos lados da Virxe, se incorporen santos do culto dominico que deben responder á piadosa devoción -co financiamento pro anima- do burgués Xoán Tuonum, consonte figura gravado no epígrafe do lintel.

Moi preto desta portada ergueuse o Cruceiro do Home Santo, que ten sido posto en relación coa peregrinación de san Vicente Ferrer a Compostela (1412), remarcando así as devocións dominicas.

Logo, de ser posible, iremos a intramuros do convento de Santa Clara, pois incorporado nunha fonte-lavadoiro aparece un tímpano, de cara a mediados do século XIV. Nel, a ambos lados de María, ollamos a san Francisco e santa Clara, quen porta o libro en condición de fundadora, acompañada por outra monxa de menor tamaño. E no caso do santo de Asís o libro que sostén complica, en parte, a visión dos estigmas.

Nos maravillosos tímpanos de Praterías, remataremos este roteiro, pois para explicalos acaidamente, compre adaptarse ás horas nas que entra e sae pouca xente da catedral. E, malía ao seu desorde, realizaremos un achegamento «arqueolóxico» a este extraordinario conxunto que pretendeu reflexar a promesa da divina de Redención, feita a Adán e Eva (tema que se recollía na primitiva portada norte catedralicia). Na excepcional e seminal fachada de Platerias esculpeuse a Encarnación, a Paixón e as tentacións de Cristo (triunfo do Home sobre o pecado). Claro está que ambos os dous tímpanos da magnífica portada de Praterías só poden ser considerados ao carón do resto de relevos que os rodea, nesta soberbia porta do románico europeo.

David Chao Castro (O Carballiño, 1974). Doutor en Historia da Arte pola USC, coa tese «Iconografía regia en la Castilla de los Trastámara». Obtivo unha bolsa FPU entre 1999/2001, e realizou unha estadía de investigación no Centro de Estudos Históricos-Departamento de Historia da Arte do Consello Superior de Investigacións Científicas, en Madrid. A esta estadía seguiron outras na Universidade Montaigne-Montesquieu-Bordeaux III de Burdeos, no CNRS de París e na Universidade de Lisboa. Na actualidade é profesor no departamento de Historia da Arte da USC.

As súas liñas de investigación oriéntanse cara á iconografía rexia baixomedieval, e o románico e gótico de Galicia e da península Ibérica. No seu haber conta con 2 libros editados e con 42 capítulos de libros e fichas de catálogo de exposicións; con máis de 20 artigos en diferentes revistas e con 3 publicacións breves. Tamén presentou comunicacións en congresos e simposios, impartiu conferencias, seminarios e cursos tanto na USC como noutras universidades e centros de estudos; asemade foi membro de 6 proxectos de investigación.

E formou parte de grupos de traballo de carácter patrimonial, que realizaron estudos previos e seguimento dos proxectos de conservación e restauración do castelo de Ribadavia, o Pazo de Xelmírez ou a cabeceira e parte das cubertas da catedral de Santiago.

Apuntamento

Unha actividade de balde. Punto de encontro ás 12h na igrexa de Salome na rúa Nova. David Chao, profesor de arte medieval da Facultade de Arte da USC, encargarase das explicacións. Compre apuntarse en: comunicación@ogalo.gal antes do venres 22.03.2022 ás 16 horas

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.