Profesionais da psicoloxía fórmanse sobre a atención psicolóxica en contextos de axuda humanitaria e as avaliacións ás persoas condutoras

Profesionais da psicoloxía fórmanse sobre a atención psicolóxica en contextos de axuda humanitaria e as avaliacións ás persoas condutoras

 

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2022.- O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia ofrece mañá sábado 30 de abril dous cursos na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela nos que participarán preto dun cento de profesionais, un no ámbito da intervención psicolóxica en contextos de axuda humanitaria, e outro sobre as restricións e adaptacións nas avaliacións das persoas condutoras.

O psicólogo José María Freire Duro conta cunha ampla experiencia traballando como en contextos de axuda humanitaria, en países en conflito, como Xeorxia, Ucraína, o Iemen, Mauritania, Serra Leona, Siria, Iraq ou Sudán do Sur. Esa traxectoria permitiralle achegar unha valiosa formación sobre saúde mental e apoio psicosocial nestes tipo de contextos. Estará acompañado por Masha Asieiva, mediadora intercultural na ONGD Ecos do Sur e cidadá ucraína residente na Coruña, que achegará a súa experiencia con persoas migrantes no terceiro sector.

O curso, organizado polo Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) do COPG, desenvolverase de 10 a 14 horas e pretende dar unha visión xeral do marco de intervención en MHPSS (Mental Health and Psychosocial Support), conforme as recomendacións das axencias internacionais de referencia para contextos de axuda humanitaria: violencia, catástrofes e crises (WHO, UNHCR, UN, ICRC, IFRC, MSF, MDM etc.). Así, as psicólogas e psicólogos van coñecer as claves da intervención nas súas distintas fases, e tamén algunhas das ferramentas recomendadas e habitualmente usadas, tanto para a avaliación de necesidades como para as primeiras intervencións con vítimas ou beneficiarios.

Avaliacións nos centros de recoñecemento

Simultaneamente, terá lugar unha sesión formativa sobre a valoración, as restricións e as adaptacións dentro das avaliacións que se realizan nos centros de recoñecemento. Deste xeito, preténdese proporcionar aos psicólogos e psicólogas os coñecementos sobre as ferramentas necesarias para estas valoracións, xunto coa determinación das restricións e/ou adaptacións necesarias tendo en conta as diferentes opcións posibles.

Será en formato presencial, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela entre as 9:30 e as 14:00h, e de 16:00 a 20:30h, e estará impartido pola psicóloga Mª Rosario Sanz Bara e a médica Marta Ozcoidival, que exercen nun centro de recoñecemento en Huesca. Sanz Bara tamén exerce na Asociación Ibón para intervencións psicoeducativas con penados por delitos de tráfico e tamén coordina o Grupo de Tráfico e da Seguridade do Colegio Profesional de Psicología de Aragón, mentres que Ozcoidival é vogal de Formación da Sociedade Española de Medicina de Tráfico.

Na sesión abordarán os aspectos da valoración psicolóxica e de discapacidade motora de persoas condutoras e usuarias dos centros de recoñecemento. Deste xeito, os vinte e cinco psicólogos e psicólogas matriculadas na formación poderán coñecer as modificacións españolas e europeas das normativas en materia de discapacidade motora e outras afeccións.

As capacidades cognitivas, xunto coas físicas, son esenciais para conducir, polo que cómpre que como profesionais da psicoloxía se conte cunha formación permanente neste ámbito. Os centros de recoñecemento son lugares onde se fai unha revisión de saúde a unha parte importante da poboación, como condutores, tenentes de armas, persoal de seguridade privada, condutores de embarcacións ou guindastristas traballadores da construción, que deben realizar periodicamente unha revisión psicolóxica e médica para continuar coas súas actividades nas mellores condicións.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.