Os inimigos do home son tres: sogra, cuñada e muller
Os refráns recollen a sabedoría dun pobo. Son ditos que atinxen a problemas da vida cotiá, do día a día, e que serven de reflexo da mentalidade e dos valores dunha sociedade. Estes ditos, esta sabedoría popular, pasa de pais a fillos e de nais a fillas transmitindo ideas, sentenzas e valores de cuestionable valía xa que reproducen e axudan a manter en vigor as ferramentas de sometemento que o sistema patriarcal utilizou durante xeracións para controlar as mulleres.
O popular refrán En abril augas mil achega coñecemento e non resulta ofensivo para niguén. Con todo, no caso dos refráns referidos ás mulleres atopamos incitación á violencia, ira e desprezo. Refráns que expanden estereotipos femininos que non están acordes cos tempos nos que vivimos e nos que perviven unha serie de valores que podemos ligar coa violencia de xénero. Refráns que xustifican o inxustificable (A muller e a galiña, tórcelle o pescozo verás como queda mansiña), que reducen todo un xénero a meros animais que coma tal merecen ser tratados (A muller e a cabra, de día ceibalas e de noile gardalas); que promoven a idea de que a muller é un accesorio para compracer o home (Está feita a mitá, pois anque ela non queira, eu quero xa); que serven para controlar o xénero feminino impoñendo modelos de conduta (A muller e o neno, soilo calan o que non souperon).
Vivimos atrapadas nunha sociedade na que cada ano preto de 60 mulleres morren vítimas da violencia de xénero. Unha sociedade na que os homes teñen máis oportunidades, mellores soldos e máis poder. Unha sociedade que me impón un rol de inferioridade con respecto aos varóns da miña especie e que intenta someterme usando ferramentas lingüísticas, propagandísticas, económicas, laborais, estéticas e afectivas. Nos últimos 11 anos máis de 750 mulleres perderon a vida no noso país, pero iso non impide que escoite nun bar, nunha cea, na parada do autobús, na cola do cine, no supermercado refráns como Ao home de máis saber, unha muller bótao a perder ou Vale máis unha muller guisando que cen latricando. O refraneiro é unha mostra, ás veces demasiado crúa, da realidade cotiá á que nos enfrontamos as mulleres. Os valores do sistema patriarcal continúan a espallarse a través duns ditos que non teñen nada de inocentes e que xustifican a violencia física e psíquica contra as mulleres.
No noso país cada ano morren decenas de mulleres e esta macabra tendencia parece non ter fin. Segundo os expertos, aumentaron as actitudes controladoras entre a xente máis nova. Non debería ser tan complicado poñerlle fin a esta situación, pero require de vontade política e social. Deberíamos mudar conceptos e actitudes. Non pode ser que os rapaces reciban eloxios por teren moitas parellas, pero que as rapazas sexas etiquetadas como promiscuas polo mesmo. Non podemos ter ministros dicindo na televisión que un debate político entre un home e unha muller é “moi complicado porque se o home demostra superioridade intelectual ou o que sexa dará a impresión de ser un machistaante unha muller indefensa”. No que vai de ano 45 mulleres morreron en España vítimas da violencia de xénero.
También te puede interesar
-
O IV PREMIO ATENEO CINEDUCA RECOÑECE OS MELLORES TRABALLOS AUDIOVISUAIS ESCOLARES SOBRE EDUCACIÓN E CIDADANÍA
-
8M 2025 en Santiago de Compostela
-
Goretti Sanmartín será a primeira muller alcaldesa da capital de Galicia. A nova corporación de goberno de Santiago botará a andar o 18 de xuño.
-
Lo que no pensé que sería
-
Ay señor, señor…Tamames