Teño que recoñecer que son bastante seguidor das series de ficción televisiva e que, como tal, sigo a adaptación de Atres Media da obra de Nacho Carretero, Fariña (libro que tamén estou a ler e que me parece moi interesante e necesario para coñecer o noso pasado non tan lonxano).
A serie mostra o que foi durante anos o contrabando nas rías galegas, primeiro de tabaco e logo de sustancias estupefacientes ilegais (cocaína, heroína,…). En palabras de Carlos Blanco, actor da mesma no papel de Laureano Oubiña, e natural de Vilagarcía de Arousa: “Fariña é o noso Cuéntame”.
Chama profundamente a atención o xeito no que os narcotraficantes campaban ás súas anchas namentres as forzas da orde e os poderes públicos miraban cara outro lado, cando non se beneficiaban directamente da riada de diñeiro ilícito que inundaba as nosas costas.
O éxito televisivo traslada a todo o territorio nacional unha parte da nosa historia ademais de popularizar certas expresións do noso idioma. Xunto a todo isto, a serie está dando a coñecer a figura de persoaxes funestos como Manuel Charlín, Laureano Oubiña ou o máis famoso de todos cantos narcos naceron en Galicia, Xosé Ramón Prado Bugallo, coñecido mundialmente como “Sito Miñanco”.
Na ficción Miñanco aparece caracterizado como un narcotraficante pero dáselle a apareiencia de ser unha especie de “malo adorable” que tiña conciencia e que se preocupaba pola xente (ao parecer así o facían os narcos co obxectivo de gañar o aprecio popular). Así vese como este home chegou a presidir o Clube Xuventude de Cambados, ou a pagar do seu peto intervencións cirúrxicas de veciños que non podían facerlle fronte ao seu custo.
Esta imaxe filantrópica está ben como reclamo publicitario e para os memes que inundan as redes sociais pero non debemos perder de vista nin por un segundo que Miñanco e todos os demais narcos galegos son os responsables directos da desgraza de toda unha xeración de mozos e mozas que viron o seu futuro tronzado polas drogas.
Supoño que non tardaremos en ver camisetas coa imaxe do Miñanco da tele pero non esquezamos que non é un heroe, é un delincuente.
A famosa canción “Tekno Trafikante” dos Papaqueixos (“Sito Miñanco, preso político”) non é máis que unha sátira, non nos confundamos.
About The Author
También te puede interesar
-
‘Antes de nós’, o filme sobre Castelao, chegará ás salas de cine o 23 de maio
-
O espíritu universal que viveu na Casa da Tumbona
-
8M 2025 en Santiago de Compostela
-
Goretti Sanmartín será a primeira muller alcaldesa da capital de Galicia. A nova corporación de goberno de Santiago botará a andar o 18 de xuño.
-
Lo que no pensé que sería
Anda xaa, sitooo presidente da xunta xa!!!