O espíritu universal que viveu na Casa da Tumbona

O galpón da casa da Tumbona foi un taller de ideas con xentes de mente lúcidas

Adentrarse nun libro, nun pensamento requiren imaxinar, e nese exercicio, necesítanse estímulos; a pedra granítica desgastada atrápanos en mil pensamentos, lémbranos de onde vimos e indícanos a existencia dos longos invernos, configurando nese tempo unha forma de vida para súas xentes antes da chegada das tímidas primaveras que hoxe asoman ata con temeridade.

Esperanza Mariño guiando a visita adicada a Isaac Díaz Pardo

Santiago de Compostela é un deses escenario ideais para recrear realidades de tempos pasados. Biografías de  mulleres e homes valerosos que transitaron pola historia, e que en ocasións explican a evolución dunha cidade, e ata, como é o caso, da Comunidade Galega. Velaí o Galpón da Casa da Tumbona na rúa das Hortas, 37. Neste enderezo había un taller, na parte de atrás da casa, onde a creatividade abríase ao inxenio en diferentes disciplinas nun bulir de idas e chegadas de persoas destacadas do momento, facendo encargos e consultas. Eran as visitas das mentes  inquietas do momento; compromisos, valores e principios que souberon conxugar co inxenio e traballo para construir un gran laboratorio que estimulaba o talento e a creatividade. Foi nunha cidade, a Compostelá, e nun sitio, desta volta no Galpón da Casa da Tumbona, propiedade de Don Camilo Díaz Baliño, pai do insigne D. Isaac Díaz Pardo.

 

O xoves 14 de setembro saíu de fronte a Casa da Tumbona un nutrido grupo de persoas para  pasear polo casco histórico da cidade Compostelá, tendo a figura de Don Isaac Díaz Pardo como fío argumental da andaina. Antes de arrincar a visita sería Camilo Díaz quen leu unha poesía do seu pai; unha imaxe que sen dúbida resulta entrañable e de gran nostalxia. De seguido,  o grupo acompañado por coñecidos persoeiros da cultura galega: Xesús Alonso Montero, Mercedes Queixas Zas, Encarna Otero, ademais de un longo número de persoas destacadas,  camiñaba cara á falcona, lugar onde se pechaban aos presos ata os anos 70 (na parte de atrás da policía). 

Camilo Díaz, Fillo de Isaac Díaz Pardo diante da Casa da Tumbona. Rúa das Hortas 37

Un paseo cultural particular que xorde con vocación de permanencia da man da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega ca finalidade de facernos recoñecibles casas e espazos que no seu día formaron parte da cotidianidade das persoas ilustres que deron vida á cidade compostelá. Falar de Isaac Díaz é falar dun intelectual que tiña talento e o expresou como pintor, coma deseñador, ceramista ou mesmamente na escrita. Un home que nunca deixou a militancia como galego; afincando o mellor da terra para ir cara diante e empurrando o inxenio para non retroceder. El creceu na tumbona, nunha casa frecuentada por Castelao, Eduardo Blanco Amor, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Cabanillas ou Asorey.  Segundo as palabras de Esperanza Mariño, condutora deste itinerario: » Isaac Díaz Pardo pertence a esas persoas destacadas, aínda que a súas cidades non lles fixeran xustiza». Engadeu: «Un exemplo é o lugar onde lle adicaron unha rúa. Si, ten unha rúa, pero apartada, case non pode chamarse tal».

 

Esta honra a un valente, sempre na procura da súa terra galega, está situada nunha desembocadura transversal do casco histórico á rúa Galeras; entre o edificio de benestar social do Concello e as xa ruínas do antigo Hospital Xeral. Outra das circunstancias noxentas é que nin sequera ten medidas para ser unha rúa, ten unha lonxitude aproximada de 138 metros. Se lle preguntamos a un habitante desta cidade de Santiago de Compostela onde se atopa,  poucos poderían acertar a responder. 

Parabéns ao Concello por apoiar a iniciativa e á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) pola  oportunidade que brinda.  Bravísima Esperanza Mariño que soubo transmitir a querenza a Don Isaac Díaz Pardo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.