No Día Mundial do Teatro, se brindará un Manifesto Galego de proposta de amor poética ás teatreiras e teatreiros na voz de Fernando Dacosta

Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que neste 2022 se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o próximo 2 de xuño

O actor, director e dramaturgo Fernando Dacosta asina neste 2022 o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Baixo o título de SOMOS, o texto preséntase como unha proposta con clara vocación poética na que se entrelazan a exaltación da profesión coa declaración de amor ás artes escénicas. Así, no Manifesto reivindícase os/as teatreiros/as como portadores/as do “facho dunha profesión trimilenaria que existía antes dos ministerios, consellerías e consellerías de cultura e que seguirá existindo despois”. Dacosta, ademais, deixa patente no seu texto o inequívoco compromiso do sector escénico coa lingua: “Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego”.

No Manifesto, que cada ano promove a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Dacosta engade que os e as profesionais da escena están “entre o abrente teatral e o rompente poético” e que presentan “os soños como un xeito de vida posible”, ao tempo que entenden “a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta”. “Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante”, sentenza o actor, quen considera que as xentes do teatro son “a literatura feita corpo”.

Fernando Dacosta súmase co seu texto á longa lista de persoas de recoñecido prestixio nos ámbitos da escena e da literatura que cada ano, a petición da AAAG, asinan o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro. Esta listaxe inclúe, entre outros moitos, os nomes de Evaristo Calvo, María Xosé Queizán, Xurxo Borrazás, Montse Dopico, Camilo Franco, Aldao&Lado, Carlos Santiago ou Imma António. A Xunta Directiva escolleu a Dacosta neste 2022 pola súa longa traxectoria na escena, mais tamén pola súa imprescindible entrega ao sector cultural. O seu compromiso artístico parte do local para se espallar cara ao universal, tendo o seu epicentro en Ourense, “cidade asediada culturalmente” en palabras que emprega o propio Dacosta na sinatura do seu Manifesto.

Fernando Dacosta (Ourense, 1969) é actor, director, dramaturgo e docente. En 1986 entrou a formar parte da histórica compañía Sarabela Teatro, sendo dende aquela membro estable dos elencos das súas montaxes e asumindo en diferentes ocasións as funcións de adaptación, dramaturxia e campo sonoro. É o director da Aula de Teatro Universitario de Ourense dende 1994 e dirixe dous festivais de longa traxectoria na cidade de Ourense: a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) e a Mostra de Teatro Infantil (MOTI). Ao longo da súa traxectoria profesional acadou dous Premios María Casares ao actor protagonista (por Tics en 1999 e O lapis do Carpinteiro en 2001), outro María Casares por actor secundario (por Se o vello Sinbad volvese ás illas) e dous Premios Compostela (por Madame de Sade en 1991 e Cama en 1995). Ademais de traballar con Sarabela Teatro en máis de 45 espectáculos, participou en seis montaxes do Centro Dramático Galego e cultivou unha ampla carreira diante das cámaras. Fillos do sol, Pratos Combinados, A Estiba, Serramoura ou El final del camino , ou son algunhas das producións audiovisuais nas que participou até o momento. No eido das distinticións honoríficas, Dacosta recolleu o Premio de Honra Marisa Soto como director da Aula de Teatro Universitario de Ourense e o Premio da Cultura Galega, que recoñeceu a traxectoria de Sarabela Teatro no ano 2016.

Dacosta lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro durante a gala dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que neste 2022 se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o próximo 2 de xuño. Os galardóns, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, contan habitualmente co apoio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

MANIFESTO GALEGO DO DIA MUNDIAL DO TEATRO 2022
                               por Fernando Dacosta

‘SOMOS’ O Día Mundial do Teatro brindará un Manifesto de proposta de amor poética ás teatreiras e teatreiros na voz de Fernando Dacosta

Somos diversas
Somos persoas que non teñen nada asegurado, pero que teñen historias para contar
Somos habitantes de ningures en movemento cara algures
Somos da caste das nómades, das inmortais
Somos disidentes
Somos as persoas que portamos o facho dunha profesión trimilenaria. Unha profesión que existía antes dos ministerios, consellerías e concellerías de cultura e que seguirá existindo despois
Somos a voz, a literatura feita corpo, a respiración entrecortada, a suor, a exaltación dos sentidos e das emocións
Somos presidentes, ladróns, poetas, asasinos, tolos, cantantes, pallasos, titiriteiros, putas, emigrantes, exiliados, xenios, imbéciles, mortos e pantasmas
Somos directoras, dramaturgas, actrices, técnicas, deseñadoras, figurinistas, escenógrafas, programadoras ou docentes
Somos indecentes
Somos empresarias e proletarias
Somos viaxeiras constantes que convidan a quen queira a esa viaxe que volve o branco e negro que nos rodea en cor

Somos as que presentan a vida analóxica nun mundo dixital, porque pasamos dun valor a outro transitando polos valores intermedios
Somos superviventes de guerras, pandemias, insultos, persecucións, burlas, crises económicas e pestes

Somos as que morremos en moitas ocasións, as que vivimos as nosas mortes
Somos as que habitamos nun espazo da nosa sociedade onde a diglosia é á inversa: falamos e amamos o galego
Somos as que vivimos moreas de vidas, sublimes e miserables, e que convidamos a todo o mundo a vivilas con nós, porque poñerse na pel do outro reporta sabedoría

Estamos entre o abrente teatral e o rompente poético
Estamos cos ollos, as orellas e o peito aberto á nosa sociedade para devolverlle a imaxe do espello, pero non por repetida, senón por invertida, por subversiva, por distinta ao que se espera dende a liña argumental imperante

Presentamos os soños como un xeito de vida posible e entendemos a utopía como o camiño a seguir, diante de tanta distopía imposta
Dicimos que iso que nos contan non é exactamente así
Loitamos contra o efémero da arte teatral, porque o que se transmite permanece no maxín de quen o viu, de quen o sentiu, e de aí trasládase á súa contorna nunha rolda interminable

É hora de resolver a dúbida secular sobre ser ou non ser: somos!
Como aquel príncipe que se debatía entre o barbarismo da vinganza e o paso ao ser humano moderno que resolve os conflitos doutro xeito, entendemos que a dúbida é o razoable. Desconfiamos das certezas absolutas e abrimos fendas á disidencia e á subversión, opoñéndonos a quen todo o sabe.

Por iso, adiante, cidadáns! Somos batallóns, marchemos, marchemos. A revolución sempre é posible. E se nos acusan de inxenuos por crer no diálogo, no soño, na paz, na utopía e na poesía, enxalcemos a inxenuidade.

Fernando Dacosta
Desde Ourense. Cidade asediada culturalmente, a 27 de marzo de 2022.
Día mundial do Teatro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.