O Colexio de Xornalistas solidarízase co persoal do Diario de Pontevedra

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia apoia as reivindicacións dos e das traballadoras do Diario de Pontevedra que onte se concentraron en defensa dun contrato digno. O persoal do xornal vén de anunciar tamén a convocatoria dunha folga indefinida que se desenvolverá a partir do 22 de decembro.

As mobilizacións do cadro de persoal do Diario de Pontevedra, que contan co apoio da CIG e da UXT, os dous sindicatos con representación do xornal, prodúcense logo de que a empresa rompera de maneira unilateral as negociacións sobre o convenio. A pesar de que as e os traballadores teñen os soldos conxelados desde 2015, a última oferta da parte empresarial apenas contemplaba unha suba media salarial do 1,1% para 2022, sen ter en conta a perda adquisitiva deses sete anos, unha proposta que a representación sindical cualificou de «insuficiente e inxustificada».

 

O do Diario de Pontevedra é un exemplo máis da precarización das condicións nas que se desenvolve á nosa profesión. Á conxelación salarial que sufriron todos estes anos as e os profesionais deste medio de comunicación sumouse tamén no 2020 un ERTE que se producía precisamente cando o goberno declaraba, no cadro da pandemia da Covid-19, o xornalismo como actividade esencial. A información sobre a crise sanitaria que precisaba daquela a poboación de Pontevedra realizouse co sobreesforzo dunhas e duns comunicadores que non só non se viron correspondidos posteriormente, senón que seguen a ver como diminúe, ano tras ano, o seu poder adquisitivo. 

 

O CPXG teno manifestado xa en numerosas ocasións: Non é posíbel o xornalismo sen unhas condicións laborais dignas. A precarización do noso traballo vai en detrimento directo do dereito á información que ten a cidadanía, e pode pór en perigo un ecosistema informativo que dea unha cobertura axeitada a toda a xeografía galega. Por todo iso, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solidarízase co cadro de persoal do Diario de Pontevedra e insta ao Grupo El Progreso, propietario do xornal, a retomar as negociacións co obxectivo de conseguir un salario xusto para todas as traballadoras e traballadores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.