O Xornalismo Colexiado

Actualizado, 20 xuño de 2017

O Colexio de Xornalistas critica que o Concello de Arzúa non esixa a titulación oficial para a contratación dun auxiliar da radio

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas (CPXG) rexeita a convocatoria por parte do Concello de Arzúa dunha oposición libre para a contratación laboral temporal dun auxiliar da radio municipal. Na bases da convocatoria só se esixe como requisito estar en posesión do graduado no Ensino Secundario Obrigatorio

Tal e como consta na convocatoria pública, as funcións do posto serán as de control técnico durante a emisión da programación, colaboración na preparación da programación e colaboración na presentación dalgúns dos programas que se emitan. O Colexio de Xornalistas insiste en que este tipo de funcións non poden ser desenvolvidas por calquera senón que existe unha preparación específica, a dos estudos de xornalismo, que proporciona formación especializada no ámbito da elaboración, xestión e difusión da actividade informativa xornalística, nos seus diversos ámbitos temáticos e nos distintos medios de comunicación.

 O menosprezo que supón non requirir esta titulación, especialmente censurable ao se tratar dunha convocatoria feita desde a administración pública, afecta gravemente a aqueles profesionais que cursaron os estudos oficiais e que poden acreditar cun título universitario os coñecementos precisos para o desenvolvemento das tarefas do ámbito da comunicación. Os seus intereses persoais e profesionais constrínxense ao ter que competir con persoas que non terían dereito a optar por ese determinado posto, ao non posuír a titulación necesaria para realizar esas actividades.

 Lembramos que o requisito da titulación de xornalismo na convocatoria pública de prazas é unha vella demanda do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e ten denunciado os casos nos que isto ocorre, mesmo en instancias xudiciais. Recentemente asinou, xunto co resto de colexios de xornalistas do Estado, o Compromiso Público polo Emprego e a Profesión Xornalística, que reclama a creación de postos de estrutura claramente definidos para o desenvolvemento das funcións propias do xornalismo no ámbito da comunicación social e institucional e que para realizar estas funcións sexa en todo caso criterio de selección e acceso estar en posesión do título universitario correspondente en xornalismo.

 O Colexio de Xornalistas convida ao Concello de Arzúa a rectificar e corrixir a convocatoria desta oposición libre para a contratación laboral temporal dun auxiliar da radio municipal, de maneira que se esixa a titulación correspondente ás tarefas a desenvolver, respectando así os dereitos dos profesionais que cursaron os estudos oficiais e poden acreditar os coñecementos necesarios para o posto.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2017

O Colexio de Xornalistas condena as trabas policiais á cobertura da manifestación polo desaloxo do Escárnio e Maldizer en Santiago

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia denuncia os impedimentos ao labor das e dos informadores por parte dos corpos de seguridade do Estado durante a actuación policial contra a manifestación en contra do desaloxo do Escárnio e Maldizer realizada o pasado sábado en Santiago de Compostela.

 O Colexio de Xornalistas tivo coñecemento de numerosas trabas á información producidas no cadro da manifestación convocada este sábado 10 de xuño en Santiago en rexeitamento ao desaloxo do Centro Social Ocupado Escárnio e Maldizer. Se ben ao longo da marcha os e as xornalistas puideron realizar con normalidade o seu traballo, no momento no que os corpos de seguridade entraron a desaloxar as persoas que ocuparan o patio do antigo Colexio Peleteiro obrigouse a todos os profesionais da comunicación a situarense por tras do cordón policial, nunha posición na que dificilmente podían informar sobre uns feitos que se estaban a producir a case cen metros de distancia e nun espazo non visíbel desde o punto no que se encontraban.

A denuncia presentada por unha xornalista colexiada indica ademais que a reclamación de identificacións ás e aos profesionais da información era continua, mesmo por parte de presuntos axentes que vestían de paisano e que non presentaban ningún tipo de credencial. Un destes supostos axentes, que se negou en todo momento a identificarse, tentou mesmo arrebatarlle a cámara á denunciante, ela si correctamente acreditada, nunha clara tentativa de coartar o dereito fundamental á liberdade de información.

 Ademais destes feitos, o Colexio de Xornalistas tivo noticia doutras accións contra o labor das e dos xornalistas que cubrían a manifestacións, como agresións con porras por parte dos corpos antidisturbios, ameazas con sancións administrativas por fotografaren policías ou a imposición do borrado de imaxes a un reporteiro gráfico.

 Independentemente de que algunhas destas accións policiais poidan ou non estar amparadas por lexislacións como a denominada Lei Mordaza, que xa foi criticada polo Colexio de Xornalistas polas súas trabas á liberdade de prensa, a Xunta de Goberno quere denunciar e condenar os impedimentos postos polos corpos de seguridade á labor dos informadores. O libre exercicio dos e das profesionais da información é un dos alicerces do estado de dereito e as trabas ao seu traballo redundan nun déficit democrático para toda a cidadanía.

 A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas xa trasladou ás autoridades o seu malestar e preocupación por estes feitos e pide consensuar un protocolo de actuacións que permita que o traballo dos e das comunicadoras se realice con total garantía e liberdade durante calquera tipo de dispositivo policial.

 Ademais, aínda que cómpre lembrar que a Constitución outorga a toda a cidadanía o dereito fundamental a comunicar información veraz e que non é necesario ningún tipo de identificación para exercer a profesión (o uso do chaleco é un acordo entre Interior e unhas asociacións privadas que non obriga a toda a profesión), o Colexio de Xornalistas quere insistir na importancia da colexiación como ferramenta para que as e os informadoras estean amparados contra estes e calquera outro tipo de incidentes que dificulten o exercicio do xornalismo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.