O Arquivo Vivo da Burla Negra, unha acción contra o esquecemento

A Igrexa da Universidade acubilla ata o 16 de marzo unha mostra con todo o material xerado arredor do Nunca Máis

No marco das protestas pola xestión do accidente do Prestige e a marea negra que lle seguiu, axentes do mundo das artes e a cultura formaron en novembro de 2002 a Plataforma contra a Burla Negra. Esta iniciativa contribuíu á mobilización social cunha produción inxente de materiais que se espallaron por diversos medios: carteis, folletos, revistas, camisetas, chapas, audiovisuais, etc., e apostou pola implicación en accións colectivas nas que a creatividade se puña ao servizo dunha causa. Todos eses fondos documentais móstranse agora na exposición ‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’ que permanecerá aberta ata marzo na Igrexa da Universidade.
O carácter festivo, a ironía e o humor marcan en boa medida as accións do colectivo Burla Negra, sinalando claramente nunha dirección de creatividade aplicada e activismo baseadas no lúdico: o humor como arma política, a disolución da estética nos movementos sociais. Este tipo de produción se diluía no contexto da inxente produción cultural desenvolvida no marco das protestas pola defensa do medio ambiente e a crítica aos responsables políticos do momento.

O Arquivo Vivo, na USC
Perante todo este movemento cultural, o 19 de maio de 2003, seis meses despois da catástrofe do Prestige, saía do prelo o primeiro volume de Nunca Máis. A voz da cidadanía, editada por Difusora de Letras, Artes e Ideas co obxecto de “compilar documentos para despois devolvelos á cidadanía sen máis intención que materializar a memoria colectiva e dar fe do ocorrido”. Pretendíase que fose o punto de partida dun arquivo documental con toda a produción que xerou ese movemento social histórico e que fose doado a unha institución que o catalogase e o mantivese ao dispor da sociedade galega.

E así foi. O pasado novembro, cando se cumprían 17 anos do afundimento do Prestige, o repositorio institucional da USC, Minerva, incorporaba aos seus fondos un Arquivo Vivo das mobilizacións cidadás e as producións artísticas e culturais xurdidas arredor da catástrofe. Nutrido por diferentes fondos bibliográficos e documentais cedidos por Difusora de Letras, Artes e Ideas e pola Asociación Cultural Benito Soto, o arquivo dise ‘vivo’ xa que está aberta a posibilidade de que as persoas interesadas o amplíen a través da plataforma web da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra.

Xunto aos fondos de Difusora, a exposición mostra parte dos materiais xerados pola Asociación Cultural Benito Soto (paraugas legal da Plataforma contra a Burla Negra), Arredemo, o Foro Negro, a coordinadora do ensino Area Negra e moitos outros colectivos e persoas.
A exposición, comisariada por Daniel L. Abel e Miguel Anxo Rodríguez, é unha das actividades integradas no proxecto ‘Unha gran Burla Negra. Creatividade popular e memoria do Prestige [2002-2019]’, que están a ser desenvolvidas pola Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra.

‘Unha gran Burla Negra. Arquivo vivo’ poderá visitarse ata o 16 de marzo de luns a venres de 17.00 a 20.30 e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas na Igrexa da Universidade

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.