Mercedes Peón presenta ‘Ingrávida’, e vai vinte anos do seu primeiro disco en solitario

A música e investigadora achegará o vindeiro 2 de abril unha proposta escénica enérxica e emocional ao Auditorio Municipal de Vilalba,Camaño & Ameixeiras, Mónica de Nut, Ana Fernández, Gisela Sanmartín con Xirifeiras, Mar Suárez con Raigañas, Laura González, Laura Garrido, Yolanda Allegue e Icía Varela acompañarán a Peón sobre o escenario, nunha “festa musical” na que a creadora transitará entre o acústico e a electrónica

Mercedes Peón regresa ao punto de partida. Máis de vinte anos despois e unha pandemia polo medio, a creadora celebra, por fin, as dúas décadas de lanzamento de ‘Isué’, un disco marcou un fito na música galega e que supuxo un punto de inflexión no xeito de entender e compartir a creación colectiva no país. A compositora e tocadora celebrará o aniversario cun novo espectáculo: ‘Ingrávida’.

“‘Ingrávida’ é unha festa musical, unha celebración do que son, das emocións que me trouxeron ata aquí”, expón Mercedes Peón. Con esta proposta escénica, a música regresa “ao punto no que todo comezou” e comparte os lugares emocionais e políticos que percorreu ao longo de dúas décadas como compositora e sobre os escenarios. A toma de conciencia do lugar no que habita, a consciencia da fraxilidade da autoestima cultural, o feminismo, o amor, os encontros das diversidades ou as singulares lingüísticas da fala serán algúns dos espazos que Mercedes Peón percorra en ‘Ingrávida’.

Durante a celebración, a compositora transitará polo universo creativo que hai entre os cinco discos que unen a ‘Isué’ con ‘Deixaas’: relacionará e expandirá os puntos de encontro entre o acústico e as sonoridades electrónicas, moverase desde a potencia vocal da raíz para aterrar en texturas máis contemporáneas. Desde a creación máis artesanal até a vangarda electrónica, ‘Ingrávida’ é o descubrimento do que provocou a experimentación e investigación de Mercedes Peón na súa discografía e nos seus máis de 25 anos de recollidas: a procura do transo co seu propio corpo a través das músicas de creación colectiva.

Sobre o escenario a proposta escénica, dirixida pola propia Mercedes Peón, contará co labor de Laura Iturralde na iluminación (con quen xa traballou en ‘Osmose’),

O concerto do 2 de abril será o primeiro dunha xira “atemporal”, como salienta a propia Mercedes Peón, da que se anunciarán novas datas en distintos puntos de Galicia nas vindeiras semanas.

 

****As entradas do 2 de abril estarán dispoñibles proximamente no espazo web www.entradasvilalba.es

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.