“As políticas de austeridade axudan a agravar a crise”

Joaquín Fernández Leiceaga
Joaquín Fernández Leiceaga, profesor de economía

Joaquín Fernández Leiceaga (Noia, 1961) exerceu a política activa durante moitos anos nas filas do Partido  Socialista. Nun primeiro momento no Concello de Santiago (1999-2007) e posteriormente como parlamentario autonómico.

Na actualidade retoma a súa vocación docente como profesor de economía aplicada da USC. Rúas Magazine estivo con el para coñecer as súas opinións a cerca do momento económico tan convulso que estamos a atravesar.

P. Profesor como explicaría vostede a profunda crise económica que está a padecer occidente?

R. A orixe desta crise é fundamente financeira. Houbo un crecemento exponencial do ámbito financeiro moi por enriba do crecemento da economía real. Isto coincidiu cunha época na que as restricións aos grandes movementos financeiros que se implantaran despois da II Guerra Mundial se desmantelaron o que tivo como consecuencia unha especulación desenfreada, se a isto lle sumamos que a globalización fai que as economías estean moito máis interconectadas que antes, esta especulación ten consecuencias a escala mundial.

P. Pode esta crise global resolverse dende puntos de vista localistas?

R. Non. Economías como a galega ou a española están tan interconectadas co exterior, dependen tanto de factores externos que dificilmente podemos darlle unha solución local á crise. Necesitamos crear un marco de ámbito europeo, como mínimo, para saír da mesma.

P. Segundo súa opinión son axeitadas as políticas de austeridade que se están a impoñer nestes intres no panorama europeo?

R. Non. As políticas de austeridade forman parte do problema. Á orixe financeira que aludíamos antes, uníuselle a burbulla inmobiliaria para desembocar nunha crise de demanda. Isto é: diminúe a capacidade de compra dos cidadáns, as empresas deixan de investir porque as expectativas de mercado son malas e, a continuación, o sector público perde ingresos e, en consecuencia, gasta menos. As políticas de austeridade aumentan esta crise de demanda facendo que esta sexa aínda máis profunda.

É certo que países como España, teñen unha dependencia moi forte dos mercados financeiros externos e necesitan desendebedarse a medio prazo. O problema é que, a curto prazo, existe unha insuficiencia de demanda.

Temos que ser capaces de  combinar un tratamento da demanda a curto prazo cun plan a medio prazo que permita recuperar o equilibrio financeiro. Para este obxectivo é importantísimo que exista un entorno europeo favorable.

P. A saída de esta crise traerá consigo un cambio de sistema?

R. Quen o sabe. Eu non me atrevo a predicir o que vai a saír desta crise.

A orixe da crise é un enfrontamento entre un capitalismo salvaxe e as necesidades sociais e a saída desto pódese dar por varios camiños. Hai un sector máis favorable a desmantelalo todo e que o mercado funcione sen ningún tipo de restrición ou, por outro lado, pode ser que se implante un sistema cun control social sobre os mercados.

Estamos inmersos nese conflito e, a día de hoxe, creo que están a gañar os partidarios da primeira opción.

P. Dende a súa ampla experiencia política, é posible salvagardar a economía sen que teñan que sufrir os sectores máis débiles da sociedade?

R. A economía son os cidadáns. Non pode haber unha disociación entre ambos. Se a economía vai mal, todos os cidadáns sufrimos.

Partindo desta base, pódense impoñer políticas máis tendentes á protección social, ou as que desmantelan dita protección e iso non depende do funcionamento da economía senón que depende das opcións que escollemos entre todos.

P. Sente que a sociedade deixou de crer nos seus representantes políticos?

R. De xeito moi maioritario, si. Eu creo que hai un aspecto que non ten que ver co comportamento dos políticos e si co momento actual da sociedade. Cando dende o ámbito público non somos capaces de dar resposta ás necesidades da xente (26% de desemprego, redución  de axudas aos máis desfavorecidos,…) é normal que á xente non lle guste o que fan os políticos e, polo tanto, estes quedan desacreditados socialmente.

Fora desto hai unha segunda cuestión. Dende o ano 1996 houbo unha época de diñeiro fácil tanto no ámbito público coma no privado. Isto levou a un relaxo xeneralizado nos controis que debe levar aparellada calquera actividade pública. Os políticos atopábanse as veces en situacións nas que, sen ter que render contas, podían tomar decisións arbitrarias que redundaban en beneficio propio. Como agora as necesidades sociais son moito máis evidentes estes problemas emerxen o que non quere dicir que non se produciran tamén con anterioridade.

Por último, hai un terceiro elemento. A nosa é unha democracia xoven. Cultural e institucionalmente aínda temos moi presente o franquismo e mecanismos de control que están presentes noutras democracias a nós parécenos moi novidosos.

P. Non ten a impresión de que cada vez achegámonos máis ao lema absolutista de “todo para o pobo pero sen o pobo”?

R. Eu creo na democracia representativa. É o mellor sistema con diferenza. Ten problemas pero non hai outro mellor.

Agora ben, a democracia representativa pode artellarse mellor ou peor e está claro que aquí fallan os mecanismos de participación. O sistema electoral non permite que as opinións minoritarias estean presentes no debate político.

Tamén hai problemas de transparencia que si se poden arranxar, ata un punto xa que a perfección non existe.

Habería que estudar certas fórmulas para coñecer a opinión dos cidadáns. Unha representación máis directa. Internet pode ser unha ferramenta que axude á clase política a estar máis preto dos cidadáns, por exemplo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.