Festival Internacional de Arpa terá lugar en Noia

A IX edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia celebrarase do 3 ao 7 de agosto en distintas localizacións da cidade e contará con artistas de Galicia, Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia

Unha das principais novidades será o I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, cuxa obra gañadora para arpa e orquestra estrearase na tempada 2022-2023 da man da Real Filharmonía de Galicia

 

A vila de Noia xa ten data de celebración do seu Festival Internacional de Arpa: do 3 ao 7 de agosto, o corazón da Ría da Estrela volverá acoller o Noia Harp Fest, un certame musical único na súa especie, ao ser o único festival de Galicia e do noroeste da Península Ibérica que ten como absoluta protagonista a arpa.

O director artístico do Noia Harp Fest (NHF), o músico Rodrigo Romaní, presentou esta mañá os cabezas de cartel desta nova edición do festival no que, como é habitual, encontraranse artistas de ámbito galego, estatal e internacional, de estilos diversos, cuxo fío condutor será, unha vez máis, a interpretación musical a través da arpa. Nomes como Savourna Stevenson, Steve Kettley, Hermanos Corbalán, Kora Jazz Trío, Clotilde Trouillaud, Paula Ceremuzynksa, Manuel Vilas, Beatriz Martínez, Rafa Fernández Trio ou Bleuenn le Friec formarán parte da novena edición dun evento no que a veciñanza gozará tanto ao aire libre coma no interior de recintos culturais da vila de concertos singulares e dunha notable calidade artística.

“Fainos especial ilusión presentar a programación desta edición, logo de dous anos de pandemia, na que podemos aseverar que o Noia Harp Fest avanza na súa proxección a nivel estatal e internacional. É un encontro único do instrumento no noroeste peninsular e, sen dúbida, se consolida como unha cita imprescindible no calendario musical”, sinalou Rodrigo Romaní. A cita, ademais, contará participación do salmantino Trío Clepsidra grazas á colaboración da Asociación Española de Arpistas (AEDA). Será un concerto especial que incluirá tamén a actuación da ou do artista vencedor no I Concurso AEDA para novos intérpretes.

Outra das principais novidades deste Noia Harp Fest, grazas ao patrocinio de Noia Turismo, será a celebración da primeira edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, unha aposta innovadora por ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra, “unha combinación atractiva e inspiradora da que non son abondosos os exemplos cos que contan os profesionais, solistas e orquestras”, apuntou Romaní. O galardón, que conlevará unha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora, suporá a estrea da obra, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia na tempada 2022-2023. “É un luxo poder avanzar esta colaboración que, sen dúbida, afondará na singularidade do certame como exemplo de creación, contemporaneidade e dinamización cultural. Será unha excepcional ocasión para festexar o décimo aniversario do festival”, aseverou o director.

 

O IX Festival Internacional de Arpa Vila de Noia propón un programa aberto á diversidade musical e estilística, na que o público poderá gozar da interpretación de artistas procedentes de Escocia, Senegal, Paraguai, Bretaña ou Polonia, ademais de numerosas intérpretes galegas. Entre os nomes, destacada a presenza da arpista bretona Savourna Stevenson, quen se distingue polo seu particular e ecléctico impulso innovador para romper barreiras entre clásico, folk, raíz e jazz. A intérprete acompañarase do saxofonista Steve Kettley.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.