Cineuropa pechou hoxe a súa 33ª edición coa entrega do premio do festival á actriz Emma Suárez nunha gala que se celebrou no Teatro Principal e na que participaron o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, e a directora do festival, Laura Seoane
Seoane salientou a traxectoria de Suárez da que, dixo, «é en si mesma un percorrido pola historia recente do cinema español». Deste xeito, a directora de Cineuropa recoñeceu a visión de conxunto que ten a carreira da actriz «na que non parou de encadear proxectos de cinema e televisión a cada cal máis potente e poderoso». «Premiar a Emma Suárez en Cineuropa é premiar ao cinema mesmo. Emma Suárez é o cinema», incidiu.
A actriz considerou unha honra recibir un premio que, dixo, lle fai moi feliz porque «Cineuropa es un festival en Galicia y Galicia se ha convertido en un lugar que forma parte de mi corazón». Suárez quixo adicar o seu galardón a outras das mulleres premiadas nesta 33ª edición, a actriz galega María Vázquez. «Me hace mucha ilusión haber compartido premio con ella en este festival», indicou.