Eduardo Liste (1932, Calo – Teo) é sobriño do mítico Enrique Líster. Este mecánico de profesión garda na súa memoria o vivo recordo dun personaxe fundamental na defensa da república e do bando aliado na Segunda Guerra Mundial. Eduardo di que o seu tío: “nunca lle fixo dano a ninguén humilde ou débil. O seu inimigo sempre foron os poderosos”. O fillo do que fora tenente de alcalde do Concello de Teo no ano 36, Constante Liste, asasinado polos nacionais nese mesmo ano, repasa para Rúas Magazine a vida do seu tío Jesús que se cambiou o nome polo de Enrique xa que: “Jesús non queda ben nun comunista”.
P: Enrique Líster tivo a súa primeira experiencia no cárcere en Cuba, con 15 anos. Supuxo este encerro un cambio na forma de pensar do seu tío?
R: Non creo que modificara para nada a súa maneira de pensar. O que si é posible é que acentuara un carácter rebelde que xa posuía con anterioridade.
Hai unha anécdota que pode ilustrar este carácter. Sendo un neno de 10 ou 11 anos, o meu tío tivo un enfrontamento coa garda civil polo feito de que estes botaran ao seu pai dunha taberna á que acudira a reclamar unha débeda. Desde ese intre manifestóuselle un odio cara todos os poderes impostos.
P: Precisamente foi en terras cubanas onde Líster entrou en contacto coas ideas de esquerdas. Que foi o que o levou a abrazar o comunismo con tanta intensidade?
R: Foi un señor canario afiliado do partido comunista o que o afiliou. Xa antes, sendo só un neno, fora enlace sindical na canteira na que traballaba.
P: En 1932 partía a Rusia para recibir formación militar e política. Cales foron as impresións que sacou o seu tío da patria do comunismo?
El foise a Rusia por un problema que tiveran, cando, sendo presidente do Sindicato de Oficios Varios de Teo, Ames y sus contornos houbo un enfrontamento con outro sindicato de carácter máis propatronal. A raíz do mesmo houbo tiros, resultou unha persoa falecida e el decidiu cargar coas culpas ao ser o único solteiro. Este incidente supúxolle unha condena de 20 anos e, por este motivo, fuxiu de España en rebeldía.
Rusia causoulle unha impresión magnífica. Alí foi á escola e para traballar. Estivo de barreneiro nas obras do metro de Moscú.
P: Ao seu regreso a España, asumiu o adestramento militar dos exércitos comunistas ante a inminencia do conflito armado. Tiña o seu tío unha verdadeira vocación militar?
R: Nunca lle gustou que lle chamasen militar. El chegou a militar por circunstancias xa que este era o único xeito de defender os ideais nos que cría. El chegou a ser membro do consello da paz e sempre dicía que de ter sido militar non ostentaría dito cargo.
De todos os xeitos algo de adestramento militar si que tiña e, aínda que ao principio do conflito só era comisario político, ao rematar a Guerra tiña o grao de Tenente Coronel.
P: Durante a guerra Enrique Líster foi un dos membros máis respectados do bando republicano. Cales foron, segundo el, as causas da derrota a mans dos sublevados?
R: El sempre lle botou a culpa a dous feitos: o pacto de non agresión asinado polas potencias aliadas (de feito sempre tivo a esperanza de que, unha vez rematada a Segunda Guerra Mundial, estes derrocaran a Franco) e a intervención do goberno francés que impedía que chagasen ao bando republicano os equipamentos para a fronte que proviñan da Unión Soviética.
P: Unha vez que España se viu sometida á ditadura Franquista, Líster regresou a Rusia e participou xunto ás forzas soviéticas na Segunda Guerra Mundial. Tiña medo á extensión dos totalitarismos por toda Europa?, cales eran as súas lembranzas das cruentas batallas da fronte oriental?
R: Medo non, xa que eu creo que nunca tivo medo de nada. O que si tiña era preocupación polas posibles consecuencias dunha vitoria dos nazis.
Polo que se refire ao recordo das batallas, non era moi amigo de lembrar a vida na fronte, non lle gustaba. O que si me contou foron moitas vivencias que tivo en Rusia, na Yugoslavia de Tito (do que era amigo persoal), en Checoslovaquia,…
P: Á fin dos enfrontamentos o seu tío pasou a ser un recoñecido antifranquista residindo tanto en París como en Praga. É precisamente na capital checa onde vostede coñece ao seu tío no ano 1961. Como era Enrique Líster nas distancias curtas?
R: Era impresionante. Tiña unha humanidade desbordante e un don de xentes espectacular. Destacaba polo poder de convicción que tiña cando falaba. Posuía ademais unha cultura xeral moi grande e cando tiña que levantar a voz facíao (aínda que eran poucas veces). Era un Don Xoán moi conquistador, gustábanlle moito as mulleres.
P: Sempre se falou da antipatía existente entre Santiago Carrillo e o seu tío que incluso o levou a deixar o PCE e fundar o PCOE. Que hai de certo e de lenda nesta antipatía?
R: É totalmente certa. El pensaba que Carrilo era un arrivista que pervertera a varios dirixentes do partido no exilio para logo darlles as costas (chegando algún deles incluso ao suicidio). O meu tío tamén era da opinión de que Carrillo tiña a Dolores Ibárruri “A pasionaria” totalmente sometida. Todo isto levouno a fundar o PCOE e cando, polas dificultades económicas do novo partido voltou ao PCE algúns non o entenderon.
P: Precisamente por este afastamento do poder, a figura de Enrique Líster está un tanto esquecida pola historia. É xusta esta situación?
R: Hoxe en día si se avanzou bastante e existen moitas asociacións que loitan por recuperar a memoria histórica. En Galicia houbo un grande pulo, sobre todo, na etapa do goberno bipartito. De todos os xeitos, aínda quedan moitas portas fechadas. Polo que se refire a bibliografía si hai bastante escrito sobre o meu tío
.