#DigochoEu, o videoclip Figa de Tanxugueiras e o documental O Gran Camiño, premiadas no Encontro de Finalistas dos Mestre Mateo

Despois dun ano de parón pola crise sanitaria, onte tivo lugar o tradicional encontro de finalistas dos Premios Mestre Mateo. Unha cita que se celebrou no Nordés Club Empresarial da Coruña, e na que as e os profesionais finalistas da presente edición dos premios estiveron acompañados por representantes dalgunhas das entidades patrocinadoras e colaboradoras, como Juan Ignacio Borrego do Concello da Coruña, Jacobo Sutil, director da AGADIC e Xurxo Couto, deputado de cultura da Deputación da Coruña.

Durante o acto entregáronse tres galardóns que, en palabras de Óscar Cruz, membro da xunta directiva da Academia Galega do Audiovisual, recoñecen alén das cualidades técnicas e artísticas, «outras que tamén son intrínsecas ao noso sector e van máis aló do que coñecemos por audiovisual» .

Juan de la Pedraja entregou o Premio Abanca ao impulso da sostibilidade ao documental O Gran Camiño, «por tratar o coidado do noso planeta desde unha perspectiva global, destacando os recursos e valores da contorna natural, patrimonial, paisaxística e ambiental a través dun relato de aventuras que acaba revelándonos partes esenciais da natureza do ser humano». O premio foi recollido por Alba Prol e Raúl García, directores do filme.

Pedro González foi o encargado de entregar o Premio Deleite á promoción da lingua a #DigochoEu «polo imparable crecemento dunha iniciativa que naceu dun formato audiovisual e que ten entre os seus obxectivos aumentar e perfeccionar o emprego oral do galego». O galardón foi recollido por Esther Estévez, conductora do proxecto.

O Premio Galicia Calidade á proxección exterior foi entregado pola xerente da institución, Ana Méndez ao videoclip da canción de Tanxugueiras Figa, da produtora Trece Amarillo. O galardón recoñece «o seu compromiso coa tradición e a sua contribución a proxección internacional da nosa cultura a través da música e o audiovisual como linguaxes universais». Diego Muñoz Barcia e Diego Santaclara Ferradás, da produtora Trece Amarillo, foron os encargados de recoller o trofeo.

O acto rematou coa tradicional foto de familia

As gañadoras da vixésima edición dos Mestre Mateo daranse a coñecer o vindeiro 19 de marzo, na gala de entrega de premios que se celebrará no recinto de Expocoruña e será emitida en directo por Televisión de Galicia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.