Aplazada a Gala dos Premios María Casares que estaba prevista para o día 26 deste mes

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), entidade organizadora dos Premios de Teatro María Casares, apraza a gala de entrega dos premios, que estaba prevista celebrarse no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 26 de marzo, así como as actividades paralelas previstas. O prazo de votacións, realizado telematicamente a través da plataforma de votación dispoñible para o censo de votantes, continuará adiante. Dependendo dos acontecementos, a organización dos premios decidira cando sexa posible, o xeito de comunicar os e as gañadoras nas catorce categorías, reservándose a posibilidade de celebrar a gala noutro momento do ano ou reformular tanto a comunicación pública coma a entrega dos galardóns.

 

O Premio Marisa Soto dos María Casares este ano será para Flor Maceiras

Santiago. 11 de marzo de 2020

Con este galardón, a Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) quere recoñecer a labor inxente dunha actriz e docente cuxa traxectoria se pode definir polo seu amor incontestable pola escena. Un amor que lle inculcou Manuel Lourenzo e que Flor Maceiras lle transmite ás novas xeracións de profesionais do noso oficio dende a Escola Municipal de Narón, institución referencial no sector. Como actriz, ademais, Maceiras traballou ao longo das décadas con compañías como Elsinor Teatro, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Teatro Proscrito, Teatro Maltés ou o Centro Dramático. Dese xeito, percorrer a súa traxectoria interpretativa é percorrer gran parte da historia do teatro profesional en Galicia. Estas dúas dimensións, a de docente e a de actriz, converten a Flor Maceira nun elo fundamental do pasado, do presente e do futuro da nosa profesión.

Deste xeito, Flor Maceiras únese á longa lista de persoas e entidades que dende 1996 reciben este premio honorífico. Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente ou Maruxa Villanueva recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto.

Perfil Flor Maceiras
Flor Maceiras (A Coruña, 1964) é actriz, directora e docente teatral. Vinculada a actividade artística desde os primeiros oitenta, iniciou a súa traxectoria teatral con Manuel Lourenzo en Elsinor Teatro e asistiu a cursos de interpretación con Augusto Fernández. Dende aquela, Maceiras deixou a súa pegada artística traballando coas principais compañías da nosa escena en montaxes como Camiño das Estrelas (Elsinor Teatro, 1993), Casa de Bonecas (Teatro do Atlántico, 1995), Vapores (Espello Cóncavo, 1996), Estación Mahagonny (Teatro do Noroeste, 1997), A gaiola ou A Espada Raex (Teatro Maltés, 2001), Fobias (Lagarta Lagarta, 2004), Hamlet (R.T.A. Produccións, 2006) ou A Amarga emoción do perdido (Teatro Proscrito, 2007). Maceiras foi finalistas dos Premios María Casares en tres ocasións por Bailando en verán (Espello Cóncavo, 1997) como actriz protagonista, As Troianas (Espello Cóncavo, 1998) como actriz secundaria) e Ministros pola cara (Encuadre Produccións en 1998). Ademais desta faceta teatral, conta cunha ampla experiencia en teatro radiofónico, lecturas dramatizadas, recitáis poéticos, sonorización de documentais, publicidade e dobraxes televisivas, así como na dirección de espectáculos.

Desde 1997 compaxina a súa actividade como actriz coa docencia teatral e deseña e realiza para TEDAGA S.L. proxectos de actividades teatrais e de dinamización artístico-cultural, que contemplan actividades de formación dramática, montaxe de espectáculos, aulas e cursos de interpretación para institucións públicas e privadas, así como obradoiros de Promoción da Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, obradoiros para o Manexo de Habilidades persoais e sociais ou para o adestramento de Habilidades expresivas, dirixidos a diversos sectores docentes, nos que se utilizan ferramentas metodolóxicas e técnicas propias do Teatro e o adestramento actoral.

Na actualidade é directora da Escola de Teatro de Narón, posta en marcha polo Padroado de Cultura naronés en 1981, na que se desenvolve a formación da Escola Municipal de Formación de Actrices e Actores e dos Obradoiros Municipais de Teatro (actividades de dinamización teatral socio-comunitaria). A Escola de Teatro de Narón recibiu no 2012 o Premio Xiria ao Labor Teatral como recoñecemento aos seus máis de 30 anos de promoción do Teatro, outorgado pola Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

 Cristina Moreira dirixirá a gala dos Premios de Teatro María Casares

FOTO. LaDiapo

Santiago, 04 de marzo de 2020

A actriz, directora e cómica Cristina Moreira será a encargada de dirixir a Gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o xoves 26 de marzo, véspera do Día Mundial do Teatro. Moreira adianta que o espectáculo que o público poderá ver durante a entrega dos galardóns será “unha homenaxe á profesión, facendo un especial fincapé no que significa ser actor e actriz”, mais sobre todo a gala porá o foco nas “particularidades, dificultades e esixencias que se lles impón ás actrices para exercer este oficio”. Con ese obxectivo, a directora contará cun equipo eminentemente feminino. Así, o elenco estará formado por Déborah Vukušić, Arantxa Treus, Antía Costas e Rocío Romero. Por outro lado, Laura Iturralde encargarase da dirección de arte. A música correrá a cargo de Nacho Muñoz.

Ademais, a gala deste ano afondará no sentido e no significado da profesión sen perder de vista os espectáculos e os traballos que se desenvolve no contacto máis próximo co público: o pequeno formato, as actuacións en bares, o microteatro ou o cabaré. Estes elementos serán algunhas das pezas clave da gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares

Finalistas dos XXIV Premios de Teatro María Casares

Santiago, 27 de febreiro de 2020

FOTO. Mariel Norat

Un total de 16 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIV Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o xoves 26 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer onte á tarde en Santiago durante a tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi conducido por Mónica García e Rubén Porto, contou coa asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Miguel Diéguez, director da SGAE para o Noroeste, e Isabel Blanco, delegada de AISGE en Galicia, que entregaron a cada finalista os trofeos e diplomas en calidade de representantes das institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende 1997.

A obra Liberto, de Marelas Teatro, acadou un total de 7 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actriz secundaria iluminación e música orixinal.

Pola súa banda, a montaxe Bernarda, de Malasombra Producións, rexistra 5 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, texto orixinal, actriz protagonista e actriz secundaria.

Fariña, Ainé producións, Undodez e Oqueteño Media, acapara tamén 5 finalistas nas categorías de espectáculo, actor protagonista, música orixinal, iluminación e escenografía.

Con 3 finalistas, atópanse seis espectáculos: O empapelado amarelo, da compañía A quinta do Cuadrante, que aspira aos premios de dirección, iluminación e adaptación/tradución; Despois das Ondas, da compañía ButacaZero, que optará os premios de texto orixinal, maquillaxe e vestiario; Hemos venido a darlo todo, de Voadora, que conta con finalistas para os apartados de maquillaxe, vestiario e música orixinal; Vida de Cans, de Talía Teatro; que competirá nas categorías de texto orixinal, escenografía e maquillaxe; MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas, que acapara os tres finalistas do apartado de actor secundario, e Neorretranca e Posmorriña, do Centro Dramático Galego, que fica con tres finalistas para os premios de vestiario, escenografía e actriz secundaria.

O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, competirá na gala dos María Casares por 2 galardóns (dirección e adaptación/tradución).

Finalmente, outros seis espectáculos rexistran 1 finalista: Idiota, de Redrum Teatro, que opta a actor protagonista; A compañeira de Piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego, que competirá no apartado de actriz protagonista; e Karelu, de Os Náufragos, tamén finalista no apartado de actor protagonista. Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas; Lambetadas, de Talía Teatro, e Ummm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións son os tres espectáculos que unicamente competirán polo galardón ao mellor espectáculo infantil.

Estes 16 espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 26 de marzo. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio e o patrocinio de institucións e entidades como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE ou Gadisa.

Repartición de finalistas por montaxes

  1. Liberto, de Marelas Teatro (7 finalistas): espectáculo, dirección (Tamara Canosa), adaptación-tradución (Tamara Canosa, María Vázquez), actriz protagonista (Rocío González), actriz secundaria (Cris Iglesias), música orixinal (Lucía Aldao) e iluminación (José Faro ‘Coti’).

  1. Bernarda, de Malasombra (5 finalistas): espectáculo, dirección (Jose Prieto), texto orixinal (Jose Prieto), actriz protagonista (Luisa Merelas) e actriz secundaria (Celia González)

  1. Fariña, de Ainé Produccións, Undodez e Oqueteño Media, (5 finalistas): espectáculo, escenografía (José Faro ‘Coti’), iluminación (Laura Iturralde), actor protagonista (Sergio Zearreta) e música orixinal (Novedades Carminha, Santi Jul, Iván Laxe e Sergio Zearreta)

  1. O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante (3 finalistas): dirección (Tito Asorey), adaptación/tradución (Tito Asorey e Melania Cruz) e iluminación (Laura Iturralde)

  1. Despois das ondas, de ButacaZero (3 finalistas): texto orixinal (Ernesto Is), maquillaxe (Carlos Pinilla) e vestiario (Carlos Pinilla)

  1. Hemos venido a darlo todo, de Voadora (3 finalistas): maquillaxe (Fany Bello), vestiario (Fany Bello) e música orixinal (Hugo Torres, Fernando Epelde e José Díaz)

  1. MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntrica (3 finalistas): actor secundario (Víctor Mosqueira, Josito Porto e Santi Romay)

  1. Vida de Cans, de Talía Teatro (3 finalistas): texto orixinal (Cándido Pazó), maquillaxe (Martina Cambeiro) e escenografía (Dani Trillo)

  1. Neorretranca e Posmorriña, de Centro Dramático Galego (3 finalista): actriz secundaria (Raquel Espada), escenografía (Marta Pazos) e vestiario (Saturna)

  1. O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia (2 finalistas): dirección (María Peinado) e adaptación-tradución (María Peinado)

  1. Karelu, de Os Náufragos (1 finalista): actor protagonista (Denis Gómez)

  1. Idiota, de Redrum Teatro (1 finalista): actor protagonista (Machi Salgado)

  1. A compañeira de piso, de Contraproducións e o Centro Dramático Galego (1 finalista): actriz protagonista (Patricia Vázquez)

  1. Lambetadas, de Talía Teatro (1 finalista) espectáculo infantil.

  1. Umm! Unha comedia musical… para chupar os dedos, de Teatro Avento Producións(1 finalista): mellor espectáculo infantil

  1. Cartoóns, de Producións Teatráis Excéntricas (1 finalista): mellor espectáculo infantil

    Aldara Prado é a autora do cartel dos XXIV Premios de Teatro María Casares.                                                               
    Nada na Coruña en 1992, Aldara Prado estudou Belas Artes en Valencia antes de trasladarse a Barcelona, onde reside actualmente. Dende a cidade condal, exerce o seu traballo, nacido dunha pronta vocación, e que inclúe todo o que teña que ver coa narrativa visual, a ilustración, o cómic ou as tatuaxes. Desenvolveu xa a súa faceta de ilustradora para editoras  como Random House ou Casterman. Con este último selo, Aldara Prado está a traballar no que será o seu primeiro cómic de autoría completa.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.