Convocadas as «Medallas de Investigación» da Real Academia Galega de Ciencias

A Real Academia Galega de Ciencias convoca as «Medallas de Investigación», que recoñecen a traxectoria consolidada de científicos en activo, cuxa actividade se desenvolveu maioritariamente na nosa comunidade.

Outorgaranse cinco distincións nos eidos da bioloxía e ciencias da saúde, ciencias técnicas, química e xeoloxía, ciencias económicas e sociais e matemáticas, física e ciencias da computación. Poderanse presentar candidaturas ata o 9 de setembro

As propostas poderán ser presentadas por dez profesores ou por departamentos, institutos ou centros de investigación galegos, podendo ser avaladas conxuntamente por máis dunha entidade. Incorporaranse ademais as propostas de candidatas e candidatos dos tres anos anteriores. As bases da convocatoria especifican que a proposta debe incluír un documento onde se describa a traxectoria investigadora, así como un currículo abreviado da candidata ou candidato.

Cada unha das seccións da RAGC proporá tres candidatas ou candidatos, correspondendo a elección final á Xunta de Goberno da Academia, que valorará tres dimensións: a contribución á creación de coñecemento por medio de publicacións en libros e revistas; a capacidade de formación -especialmente de doutoras e doutores- e a creación de liñas de traballo e de escola de investigación; e o impacto, considerando a transferencia dos resultados, o liderado en proxectos e redes españolas e internacionais e a inserción na sociedade científica internacional. O premio poderá declarase vacante en calquera das seccións, pero non poderá ser compartido. As propostas remitiranse por correo electrónico a ragciencias@ragc.gal. As premiadas e premiados recibirán sendas medallas acreditativas, que se entregarán nun acto o 6 de outubro con motivo do Día da Ciencia en Galicia.

****Bases da convocatoria

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.