Todas as novas dos Premios e da Gala dos XVII Mestre Mateo

Camila Bossa, David Amor, Xulio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias conducirán a gala

A entrega de premios, que se celebrará o próximo 2 de marzo no Palacio de la Ópera da Coruña, poderá seguirse a través da Televisión de Galicia e das redes sociais da Academia Galega do Audiovisual

A gala dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 2 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, estará protagonizada por Camila Bossa, David Amor, Xulio Abonjo, Fernando Epelde e Carolina Iglesias -Percebes y Grelos-. Dirixida por Sonia Méndez, a cerimonia estará conducida por un elenco de actores e actrices que, cunha estética futurista, guiará ao público a través dunha viaxe temporal polo audiovisual galego baixo a seguinte premisa:

Hai milenios que os humanos se extinguiron. Antes da fin, unha mostra deles foi embarcada nas naves de evacuación: científicos, músicos, artistas, futbolistas… e tamén un par de youtubers. Na actualidade, as naves recolectoras de coñecemento galáctico viaxan polo espazo-tempo co cometido de localizar, clasificar e conservar todo o saber do Universo. Unha desas naves recolectoras, viaxa ata o pasado para recabar información sobre o audiovisual galego. Concretamente… ata o acto de entrega dos Premios Mestre Mateo do ano 2019.

Ambientado na ciencia ficción, o espectáculo contará cun vestiario creado especialmente para a ocasión polo deseñador David Méndez Alonso; músicas e letras orixinais de Fernando Epelde; dirección de arte de Isa Vila e Ángel Amaro; dirección de produción de Miriam Devesa; guión de Daniel Domínguez, Sandra Lesta e Sonia Méndez e dirección desta última.

Os premios, que os académicos e académicas elixen cos seus votos entre as máis de 400 candidaturas presentadas en vinte e cinco categorías, serán entregados por diversos profesionais pertencentes ao noso audiovisual nunha gala que se celebrará o próximo sábado 2 de marzo no Palacio de la Ópera da Coruña. A cerimonia poderá seguirse minuto a minuto a través das redes sociais da AGA (Facebook | Twitter) no cancelo #MestreMateo19 ou a partir das 22horas na primeira canle da Televisión de Galicia.

Mela Casal

Mela Casal recibirá o Premio Fernando Rey durante a Gala dos Mestre Mateo, que terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña o sábado 2 de marzo.

A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu homenaxear co Premio de Honra “Fernando Rey” de 2019 á actriz e dobradora galega Mela Casal polo seu “traballo a prol da construcción do audiovisual galego dos últimos trinta anos, ser unha das nosas pioneiras e un dos rostros máis coñecidos do noso audiovisual”.

Mela Casal naceu en Boqueixón, en 1948. Fíxose popular para os espectadores galegos polo seu papel da alcaldesa de Portozás, Celia Rei, na serie Mareas vivas e posteriormente foi unha das protagonistas doutras serie de ficción de éxito da TVG, A vida por diante, emitida entre xaneiro de 2006 e decembro de 2007. Os espectadores e espectadoras da Televisión de Galicia lembrarana tamén de emblemáticas ficcións como Rías Baixas, Pratos combinados, Padre Casares e Terras de Miranda, sen esquecer o seu papel de Socorito en Luar. En televisión ten colaborado ademais noutras producións como Nada es para siempre ou a recentemente multipremiada Fariña (Antena 3).

Entre os filmes nos que participou destacan títulos como Sei quen es, de Patricia Ferreira, no 2000, O lapis do carpinteiro de Antón Reixa no 2003, O ano da carracha, de Jorge Coira, no 2004, ou Vilamor (2008) e A Esmorga (2014), ambas de Ignacio Vilar. Mela, que estivo presente nas producións televisivas dende os inicios da TVG, tamén desenvolveu gran parte do seu traballo no ámbito teatral en diversas obras do Centro Dramático Galego, Teatro Bruto, Pifano Teatro e Redrum Teatro. Polo seu papel na montaxe “Noiteboa”, desta última, fíxose co María Casares á mellor actriz protagonista no 2016.

A Federación de Cineclubes de Galicia, Premio Especial “José Sellier” da AGA

A Academia Galega do Audiovisual recoñece así o labor dos cineclubes como promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade

Recibe o galardón no Encontro de Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo que se celebra esta tarde no Palexco da Coruña

A Coruña, 22 de febreiro de 2019.— A Academia Galega do Audiovisual (AGA) decidiu outorgarlle á Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA) o Premio Especial “José Sellier”, que cada ano recoñece iniciativas salientables no sector audiovisual. O presidente da FECIGA, Manuel Precedo, recolleu o galardón no Encontro de Finalistas dos XVII Premios Mestre Mateo que se celebrou no Palexco da Coruña e ao que asistiron finalistas de todas as categorías, a directora da gala -Sonia Méndez-, e numerosas autoridades.

Con este premio, a Academia quere poñer en valor que “os cineclubes son un dos principais promotores da cultura cinematográfica entre a sociedade”. A AGA salienta que no ámbito dos cineclubes, o audiovisual convértese en elemento de debate, estudo crítico, e nel fórxanse espectadores receptivos e críticos co cinema.

A Federación de Cineclubes de Galicia é unha asociación sociocultural independente e sen ánimo de lucro, constituída o 8 de xullo de 1984 e que, con carácter de Federación, agrupa á práctica totalidade dos cineclubes existentes no noso país, que actúa como xestora destes, e ademais, como prestadora de servizos de asesoramento e organización de proxectos a entidades oficiais e privadas; programas de proxeccións, talleres de cine, mesas de debate relacionadas co cinema, etc.

Historia da Federación de Cineclubes de Galicia
Durante a década dos setenta producíronse varios intentos de constituír unha Federación dos Cineclubes de Galicia. O máis relevante foi en 1977 cos cineclubes «Padre Feijoo» (Ourense), Pontevedra e «Valle-Inclán» (Lugo), entre outros. Foi en 1983 cando, nas «IX Semán de Cine do Carballiño» (I Xociviga), se acordou poñer as bases da asociación, que se constituíu en xullo de 1984 na «I Semana de Cine de Vilagarcía» como Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), co obxectivo de dinamizar o cineclubismo galego.

Desde entón, a FECIGA formalizou acordos cos cineclubes de Portugal, como a creación da Comisión Luso-Galaica de Cooperación Cinematográfica e Cineclubista, e desenvolveu, entre outras actividades, os ciclos Clásicos do cine americano (1984), Clásicos do cine europeo (1985), ciclo grandes obras do cine (1987), Vive cine Galego (1988, 1989 e 1990), e organizou varias edicións do certame de escritos sobre a historia da Galicia cinematográfica (desde 1986) e un Curso de Cine de Animación (1989).

A Federación de Cineclubes de Galicia «FECIGA» pertence á Confederación de Cineclubes do Estado Español e á Fédération Internationale des Ciné-Clubs (FICC). Como membro desta última ten participado na configuración de xurados do Premio Don Quixote, que se outorga en diversos festivais internacionais, como Karlovy Vary, Leipzig ou Évora.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.