Baltar Jr. Presidente ilexítimo, espurio e bastardo

Nestes tempos de angustia -nos que tantas persoas viven na súa pel ou na da os seus familiares, amigos, coñecidos e veciños momentos de penuria presente e inseguridade respecto ao futuro- é cando algúns feitos, comportamentos, actitudes e valores se tornan insoportables.

Tanto o consciente como o inconsciente individuais e colectivos dinnos que xa non haberá indiferenza, autorización ou permisividade ante os abusos e a prepotencia. Son malos tempos para os señoritos, ditadores (nas súas diversas castas e pelaxes), “hijosdalgos” e, en xeral, para os que se aproveitan do público, ata xactándose diso como ocorreu ata fai ben pouco.

Unha das bondades sociais destes momentos é a de enfrontarnos -de súbito- coa evidencia, espetándonos unha labazada de realidade que nos libra do aturdemento e da modorra que ata agora anestesiaba o impacto dos atropelos sufridos. E si a ausencia de empatía -propia de aqueles que teñen trazos psicopáticos- se engarza na natureza da serpe abusadora e atrévese ata a ameazar aos maltratados, entón a indignación convértese en ira, e a ira é, como todos sabemos, difícil de conter.

Manuel Baltar, fillo de José Luís Baltar (non hai cacique bo, é algo obvio), é un representante prototípico desta clase de personaxes levantados pola máis recia tradición caciquil a un posto ao que afea coa súa soa presenza. Elevado, para máis INRI, polo seu pai a través dun procedemento posto -literalmente- en cuestión (en mans da lei), e subido á cadeira presidencial mediante unha cocción que mestura –presuntamente- todos os ingredientes dun bo potaxe caciqueño: a) un congreso de partido fratricida, emporcallado coa sospeita de compra de vontades (votos), b) unha promesa aberrante potencialmente cumprida (104 enchufados de súpeto no ente provincial, co consecuente saqueo das arcas públicas), e c) un nomeamento de Presidente da Deputación de Ourense sustentado no trileirismo máis chusco: primeiro dimite o pai, logo renuncia o primeiro suplente e o segundo suplente -Manuel Baltar- é elixido “unanimemente” polos seus colegas de formación política como presidente; isto é, forma legal, e modo sucio e ilexítimo. E todo iso con des-FACHA-tez, en toda a cara da cidadanía. Sen a mínima empatía que proporciona o decoro e a sensación de vergoña.

Todo iso foi legal, xa que mantivo a aparencia e as formas que require a lei, pero foi ilexítimo, é dicir, falso, espurio, e condecora a Manuel Baltar co título que realmente fai honor á súa condición: Presidente Bastardo. Un presidente con tendencia a esquecer, pois a súa memoria -ata a xenética- é tan fraca que se arroga o título de defensor do público e da deputación, cando a súa propia orixe lle incapacita para iso. Un presidente que cambia a política do enchufe sustentada en contratacións directas, polo nomeamento legal de “asesores”, nun novo exercicio de aparencia no que sabe -ademais- que non engana a ninguén; pero as súas bases psicopáticas permítenlle tolerar esta fraude social: cumpro a lei, ergo enchufo.

Cando conta co maior número posible de avales para liderar ao PP ourensán, e logo de escaquear a súa presenza para apoiar ao pai á entrada dos xulgados (non vaia a ser que confundan a súa honradez coa do seu proxenitor), sente o seu peito ateigado de poder e á triste lei da aparencia sustentando o seu cu, de modo que se atreve a desafiar á oposición retándoa a que atope delitos dos que poida acusarlle e, ao mesmo tempo, sinalando o mazo legal co que lles golpeará si acontece tal atrevemento. Triste satisfacción a do ilexítimo herdeiro. Pero, por moito que se empeñe, e malia todos os respaldos da corte peloteril que lle rodea (sempre aparentes, pois estes individuos nunca xeran adhesións auténticas), e aínda cando domine unha provincia moribunda, a historia reservaralle o lugar que verdadeiramente merece: o reservado ao finxido, apócrifo e impostado (cal ouveo de *meretriz que só contenta ao pagador do lupanar).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.