A película ‘A galiña Turuleca’, Premio Goya 2021 á Mellor Película de Animación, pechará o domingo 13, ás 11.30 horas, a programación da mostra cinematográfica
A Coruña, 11 de marzo de 2022.- A terceira edición da Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país e unha das grandes citas audiovisuais da tempada, afronta esta fin de semana a recta final da súa programación coa proxección, este sábado 12, das longametraxes ‘Malencolía’ e ‘Tres’. O peche do evento cinematográfico chegará o domingo 13 cunha sesión de clausura familiar na que se poderá ver o filme ‘A galiña Turuleca’.
O sábado 12, a partir das 20.00 horas, poderase ver ‘Malencolía’, o último traballo do compostelán Alfonso Zarauza, e que chegará ás salas de cinema o 25 de marzo. As películas Malencolía e Tres proxectaranse este sábado 12 na penúltima xornada da Semana do Cinema Galego. A película, producida por Maruxiña Film Company, é un filme de terror que conta con Melania Cruz e Xúlio Abonjo coma intérpretes protagonistas. No encontro co público, previo á proxección, participarán o propio Alfonso Zarauza, o actor Diego Anido e a actriz Iolanda Muíños.
De seguido, o público poderá visualizar ‘Tres’, unha produción de Tres La Película Frida Nadie AIE e Frida Films, dirixida por Juanjo Giménez e que se estreou internacionalmente no Festival de Venecia o ano pasado. O drama, que tamén visitou recoñecidas citas como Toronto, Sitges ou Seminci, proxectarase a partir das 22.00 horas e ao encontro previo co público asistirán as intérpretes Carmen Méndez, Luisa Merelas e Cris Iglesias. As actrices estarán acompañadas de Miriam Devesa, directora de produción da longametraxe.
Finalmente, o Premio Goya 2021 á Mellor Película de Animación será o ramo desta terceira edición da Semana do Cinema Galego. O filme de público familiar ‘A galiña Turuleca’ poderase ver este domingo 13, ás 11.30 horas, no Teatro Colón. Os convites para a sesión de clausura esgotáronse aos poucos días de activar a retirada de entradas.
SINOPSES
‘Malencolía’
Sira e Pepe son unha parella que fartos da vida en precario e do frenesí da cidade de Berlín, deciden voltar a Galicia tras moitos anos emigrados na Alemaña. Atopan por internet unha casiña na aldea abandonada de Lupián, provincia de Ourense, e deciden deixalo todo para iniciar unha nova vida alí. Chegados a aldea descobren con sorpresa que a única casa con vida está habitada por unha peculiar señora chamada Isolina.
‘Tres’ Tráiler
C. (39) é deseñadora de son. Goza co seu traballo. Pasa moitas horas soa, gravando efectos sala, wild-tracks, editando, mesturando. O estudo é o seu último refuxio: un lugar onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo. Aínda que ela non o sabe, C. Comeza a desincronizarse. Coma se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro comeza a procesar o son máis tarde que as imaxes.
‘A galiña Turuleca’
Tráiler
Turuleca é unha galiña singular. O seu peculiar aspecto desata as burlas do resto do galiñeiro, ata que un día, Isabel, unha exprofesora de música, lévaa a vivir á súa granxa. Alí, feliz e en harmonía, a galiña descobre o seu gran talento oculto coa axuda de Isabel: Turuleca non só pode falar, senón que canta como xamais oíches cantar a unha galiña!
También te puede interesar
-
O IV PREMIO ATENEO CINEDUCA RECOÑECE OS MELLORES TRABALLOS AUDIOVISUAIS ESCOLARES SOBRE EDUCACIÓN E CIDADANÍA
-
Lo que no pensé que sería
-
Investigadores premiados pola contribución dos seus proxectos
-
O teatro na Aula Castelao de Filosofía en Pontevedra
-
Óscar Rapado González unha tese que avanza no valor do coñecemento