un percorrido por diversos eidos coa figura feminina como protagonista.
O vindeiro martes, coincidindo coa significativa data do 8 de marzo, será inaugurada de maneira oficial a exposición “As mulleres moven o mundo” no Centro Sociocultural do Ensanche. As obras, xa nas instalacións, conforman un percorrido por diversos eidos coa figura feminina como protagonista.
Na mostra atópanse retratos de mulleres a través de moi diferentes técnicas artísticas como o carbón, a acuarela, o grafito, o pastel ou o óleo. Elas representan nesta particular homenaxe do alumnado de Mareiras Espazo de Arte os ámbitos da cultura, a música, a investigación, a ciencia, o deporte, a política ou a interpretación, entre outros. Así, pódense atopar pezas cos rostros de mulleres de distintas épocas, tanto galegas como de varios puntos do mundo, e con vidas tan dispares como Jane Goodal, Amy Winehouse, Sofía Casanova, Inmaculada Paz Andrade, Ana Pontón, Indira Ghandi, Nina Simone, Verónica Boquete, Ana Peleteiro, Maruja Mallo ou María Casares.
Inauguración coa conferencia “Mulleres pintoras dos séculos XX e XXI”
A exposición será inaugurada o 8 de marzo ás 20 horas con entrada libre, pero antes, ás 19 horas, terá lugar unha conferencia a cargo de Genma Marqués, artista plástica, docente e xestora de La Casa Taller, en A Guarda. A charla estará centrada nas mulleres pintoras nos séculos XX e XXI.
- Por motivos de protocolo Covid e ante a limitación de aforo recoméndase reservar praza no correo electrónico contacto@mareiras.com
- Hora: 19:00H – Conferencia inaugural (aforo limitado). 20:00H – Inauguración da mostra (entrada libre).
Lugar: Centro Sociocultural do Ensanche (Frei Rosendo Salvado, 16)