É pública e notoria as derivas da Sanidade Pública, eivas que vén arrastrando dos recortes da crise económica do 2009 e que ata os nosos días foi mermando en recursos. Un panorama sanitario que é bastante absurdo se pensamos no elemental para as nosas vidas, e se facemos referencia a un colectivo que tivo que coidar á poboación civil nuns tempos inéditos. Os sanitarias-os coidaron, acompañaron e sufriron a pandemia ao pé do servizo, sen ter siquera equipos para protexer as súas vidas. Con todo, fixeron da profesión unha bandeira e tiraron para diante. Non pode ser que os que onte eran heroes e heroínas hoxe sexan desertores e pouco traballadores como dí claramente Isabel Díaz Ayuso, presidenta da Comunidade de Madrid polo Partido Popular. Hoxe toca mirar o contexto fóra das ideoloxias e arranxar a desfeita. Alguén pode imaxinar como tería que ser o peto da xente do común que non teñen nomes compostos, nin son poseedores de grandes capitais para atender a súa saúde e a dos seus? Habería que pagar uns coidados de algo tan principal como é a saude que agora é un dereito universal. Pois iso é o que parece que se está a quebrar, e iso si que está por riba das nosas posibilidades.
Hoxe en rolda de prensa a Plataforma SOS Sanidade Pública, nas diferentes intervencións quería achegarse á cidadanía para comunicarlles que seguen a traballar para loitar pola dignidade da Sanidade, como profesionais, pero tamén como usuarios. Ademais, comunicou que as mesas que estiveron recollendo firmas tiveron moi bo resultado e que voltarán á rúa para seguir sumando. Neste mes de novembro, o venres día 11 ás 11:00h. nais e pais de O Grove (Pontevedra) concentranse no edificio administrativo da Xunta de Galicia. Por outra banda, o día 20 deste mes de novembro a Asociación de Pediatras e Matronas farán unha performance (actuación) no «Día Mundial da Infancia» para reivindicar o malestar pola ausencia de pediatras e matronas nos Centros de Saude galegos. E xa o día 30 de novembro todas as Asociacións, Plataformas, Partidos políticos e Sindicatos instalarán as mesas para recoller sinaturas.
Tamén daban a coñecer que na primeira quincena de febreiro haberá unha manifestación en Santiago de Compostela para reclamar un servizo de calidade.
Os cidadáns poñen as queixas no Concello e non no Sergas
Santiago Galego Castro, Concelleiro de Medio Ambiente, Sanidade, Ferias e Mercados de Narón explicaba que hai moitas persoas descontentas co servizo de sanidade que está a prestar o Sergas, e que vai ao Concello a protestar para facer pública a impotencia da situación. Engadeu que: “As denuncias téñense que facer no propio Sergas, e non no concello, porque despois o Partido Popular di que non teñen constancia desas protestas cando desde o concello lle trasladamos o sentir dos habitantes. Por iso, é tan necesario que a xente entenda que ten que facer as súas queixas na atención ao doente no propio lugar do Sergas». Sinalou tamén que: “O Partido Popular entende a sanidade como un gasto e non como unha inversión».
Atender urxencias do PAC por teléfono
Montse Prado Cores, deputada polo BNG no parlamento de Galicia, indicaba que: «O aumento exponencial das queixas ou reclamacións é notorio e o Sergas non pode enganar a todo o mundo todo o tempo». Engadeu: “Nestes días as urxencias están desbordadas orixinando un caos no servizo. Como exemplo o Hospital do Salnés, onde se está a cambiar o modelo da sanidade, de pública a privada, pola porta de atrás; o xerente deste Hospital defineu o momento como unha situación de caos do servizo. A magnitude do problema na Sanidade Publica galega, é de tal envergadura, que cando se chega a un PAC pódente atender por teléfono. Que xa é o colmo!…Hai moita preocupación. O problema é que os profesionais non aturan xa esta situación“ “Nestes días estanse a dicir, por parte do goberno da Xunta, que están a contratar persoal fixo, aínda que non é verdade. O que están a facer e pasar ao persoal que estaba eventual para facelo fixo.“
O Portavoz da Plataforma Sanidade de FerrolTerra, indicou que: «Independientemente da ideoloxia quero facer un chamamento á ciudadanía, para facer fronte a este intento de privatización da sanidade. E invito á manifestación pública contra esta política de desmantelamento do goberno da Xunta».
Que os Centros de Saúde conten cun pediatra di a Xunta que está por riba das nosas posibilidades
Vanessa Viquendi é presidenta da Asociación de Pediatras e Matronas, confesa que está indignada de como se están a facer as cousas dende o goberno da Xunta. No seu análise sinala o alarmante risco que significa que nos Centros de Saúde non haxa pediatras. Manifesta que: «O que non pode ser é que o coidado das meniñas e meniños estea ao cargo dun puericultor-a, cuxa formación é a de medicina xeral e seis meses máis desenvolvidos nun cursiño». Engadeu: “Eu nacín no 1981, cando empezaba a andar a democracia, e me atendía un pediatra no Centro de Saúde. Agora, miña nena non ten isa posibilidade…É de xulgado de garda. Dende o goberno da Xunta dínnos que un servizo de pediatra nos Centros de Saúde hoxe está por riba das nosas posibilidades”
Xosé M.ª Dios Diz, Portavoz de SOS, indica que «o goberno da Xunta dende hai 13 anos, primeiro Alberto N. Feijóo e despois Alfonso Rueda, queren desprestixiar a Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, porque din que facemos política. Sen embargo, o que pasa é que non estamos de acordo en que haxa listas de espera nos centros de Saúde de 15 e 21 días, tanto presenciais como telefónicas, e que nós, como médicos de atención primaria, non podamos pedir interconsultas para os especialistas que necesitan os pacientes. Nin estamos de acordo coas saturacións de consultas. E despois, falsamente, o Partido Popular bótalle a culpa ao goberno central de que non teñamos médicos… Pregúntase Xosé M.ª Dios Diz, ¿Cando se fará política para beneficiar aos cidadáns?
Paula Prado, Secretaria xeral do PP. Galicia. Deputada, dicía esto en twitter.