María Loureiro destacou no seu discurso que “cómpre afrontar a transición enerxética mediante políticas climáticas máis xustas, gravando aos que poden pagar máis e aos grandes consumidores”
No seu discurso resaltou a importancia de considerar o medio ambiente na toma de decisións económicas, cuxo obxectivo debe ser “o benestar da cidadanía”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou onte no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de María Loureiro García (A Pontenova-Lugo,72), catedrática de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago, como académica numeraria da institución. A investigadora pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Economía para tempos nos que o benestar das persoas e o medio ambiente importan”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico e presidente do Consello de Contas José Antonio Redondo López.
