Haberá pases específicos para centros educativos e sesións para o público xeral entre maio e xullo
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026.- O Concello de Santiago de Compostela e o Museo do Pobo Galego amplían a exposición temporal da restitución das esculturas do Mestre Mateo, Abraham/Xeremías e Isaac/Ezequiel até o 26 de xullo. Ademais, poñen en marcha un programa de visitas guiadas dirixido tanto a grupos escolares como a particulares e grupos socioculturais e turísticos, co fin de achegar a todas as persoas interesadas o valor artístico, histórico e simbólico destas pezas clave do románico galego, así como de dar a coñecer o proceso de recuperación que permitiu o seu regreso ao patrimonio público.
No caso dos centros educativos, as visitas desenvolveranse durante este mes de maio, os martes e xoves en dous pases (11.30 e 12.30 horas) e continuarán en xuño os xoves 4 e 11 nos mesmos horarios.
Mentres, o programa de visitas para público xeral con inscrición previa, cunha capacidade máxima de 30 persoas por grupo, desenvolverase entre os meses de maio e xullo en diferentes datas e horarios, incluíndo tamén sesións especiais arredor do 25 de xullo. En concreto:
Maio:
- xoves 7 e 21, ás 16.30 h
- xoves 14 (día da Ascensión), ás 12.30 h
- sábados 16, 23 e 30, ás 12.30 h
Xuño:
- xoves 11, 18 e 25 de xuño, ás 16.30 h
- sábados 20 e 27, ás 12.30 h
Xullo:
- xoves 2, 9 e 16 e 23 de xullo, ás 16.30 h
- sábados 11 e 18, ás 12.30 h
Especiais 25 de xullo:
sábado, 25 de xullo, ás 11:30, 12.30 e 16.30 h
venres 24, ás 12:30 e 16.30 h
A inscrición para as visitas, que serán gratuítas, pode realizarse a través do enderezo electrónico deac@museodopobo.gal, onde tamén pode solicitarse máis información.
Restitución das estatuas do Mestre Mateo
A exposición, instalada na Ala Sur do Museo, reúne as dúas esculturas atribuídas ao obradoiro do Mestre Mateo, recuperadas polo Concello de Santiago de Compostela tras permanecer durante décadas en mans da familia Franco. A súa devolución culminou un proceso xudicial de varios anos e supuxo un fito na restitución do patrimonio e da memoria histórica.
A mostra, que estará aberta até o 26 de xullo tamén con acceso libre no horario de apertura do Museo, está organizada polo Concello e o Museo do Pobo Galego, coa coordinación do equipo técnico do Museo e do Auditorio de Galicia.
O espazo expositivo complétase cunha liña do tempo que reconstrúe a historia das pezas e cun audiovisual desenvolvido no marco do proxecto KosmoTech_1200, impulsado pola Universidade de Santiago de Compostela e o CISPAC, centrado na recreación do coro pétreo do Mestre Mateo e do conxunto do nártex da catedral compostelá.
O contido da exposición é tamén accesible, grazas aos materiais elaborados en colaboración da Federación Autismo Galicia.
