Un total de 30 espectáculos e máis de 320 profesionais concorren aos XXVI Premios de Teatro María Casares, galardóns organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa fundación en 1997. O proceso de inscrición finalizou o pasado 10 de marzo rexistrando unha gran participación ao inscribírense un total de 30 montaxes e 327 candidaturas de profesionais que se postulan para as catorce categorías nas que se dividen os premios: maquillaxe, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.
Tras a fase de inscrición, a AAAG iniciou xa a primeira rolda de votacións, aberta xa a un censo formado por máis de 450 profesionais do sector das artes escénicas. Dese xeito, ademais do corpo asociativo da AAAG, poderán votar responsables da xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e as persoas finalistas en edicións anteriores. Das súas votacións, sairán os espectáculos e profesionais finalistas en cada unha das catorce categorías, que se darán a coñecer a finais de abril na tradicional Festa de Finalistas, que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O prazo de votacións estará aberto até o 18 de abril ás 15.00 h.
Os Premios de Teatro María Casares son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para toda a profesión teatral. Este ano, a entrega celebrarase o vindeiro 2 de xuño no Teatro Rosalía Castro. Ese día entregarase ademais o Premio de Honra Marisa Soto, que se lle concede cada ano como homenaxe a unha persoa ou a unha entidade, e lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro, que neste 2022 redactou o actor Fernando Dacosta.
Espectáculos inscritos nos XXVI Premios de Teatro María Casares
Espectáculo | Compañía | |
1 | …e poñerán esposas ás flores… | Stracciatella Teatro |
2 | A cazola de Lola | Tanxarina |
3 | A contenda dos labradores de Caldelas ou Entremés famoso sobre a pesca do río Miño | Centro Dramático Galego / Companhia de Teatro de Braga |
4 | A Illa da deslembranza | Ártika Cía |
5 | A lúa vai encuberta | Incendiaria / A quinta do Cuadrante |
6 | A parábola do angazo | Talía Teatro |
7 | Alén | A Formiga Producións Teatrais |
8 | Ás para Álex | Baobab Teatro |
9 | Cigarreiras | Contraproducións / Teatro Romea |
10 | Comando Comadres | Matrioshka Teatro |
11 | Cubo | Elefante Elegante |
12 | Do pracer e da Morte | A Feroz |
13 | Dolls, a mirada das que sobran | Agulla Produccións |
14 | Drop | Pistacatro produtora de soños |
15 | Eurovisión (O fake show) | Bucanero |
16 | Gloria nacional | Teatro do Noroeste |
17 | Hugo | Os Náufragos Teatro |
18 | Leonardo e os Biosbardos | A Xanela do Maxín |
19 | Libre coma os paxaros | Teatro do Atlántico |
20 | Morgana en Esmelle | Sarabela Teatro |
21 | O charco de Ulises | Centro Dramático Galego |
22 | O neno Groba e Música | OGCA |
23 | Othello | Voadora |
24 | Quixote | Pedras de Cartón |
25 | Reino de Extinción | Amorodio Teatro |
26 | Serva me Servabo te | Centro Dramático Galego |
27 | Soga e cinsa | Aporía Escénica |
28 | Technocracia | Funboa Escénica |
29 | Terceiro acto | Centro Dramático Galego |
30 | Todo nunha noite | Abismo Caracol |