O Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo impulsado polos colexios profesionais de xornalistas en defensa da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, vén de ser subscrito pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e anima aos concellos a mellorar as políticas de comunicación como unha ferramenta «fronte á contaminación informativa existente».
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de subscribir publicamente o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo en defensa do exercicio do xornalismo na administración pública que lle foi presentado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O documento, impulsado polos colexios profesionais de xornalistas, ademais de pór en valor o papel dos profesionais da comunicación, reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións.
Neste sentido, a Fegamp asegura que «comparte a corresponsabilidade das Administracións Públicas nesta materia, especialmente no marco da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, polo que, fronte á contaminación informativa existente nos distintos medios e soportes tecnolóxicos, avoga polos coñecementos académicos e deontolóxicos que os xornalistas adquiren durante a súa formación universitaria». Por todo iso, a federación «apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e direccións de comunicación das Administracións, coa finalidade de que estes departamentos cumpran a súa importante función social de xeito óptimo». Unha función aínda máis importante, nas palabras de Alberto Varela, presidente da Fegamp, «nestes tempos de infoxicación onde moitas persoas aproveitan a liberdade de expresión e as posibilidades das tecnoloxías para colar falsas novas».
A Federación trasladou aos distintos concellos galegos o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, animándoos a mellorar as súas políticas de comunicación. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no seu compromiso coa profesión, mantén unha defensa constante da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, posto a titulación correspondente ou a colexiación son as únicas garantías dun tratamento correcto e profesional da información no ámbito público.
About The Author
También te puede interesar
-
O rexeitamento a ALTRI convoca na Pobra do Caramiñal unha manifestación interxenerecional multitudinaria
-
8M 2025 en Santiago de Compostela
-
1º Maio 2024 en Santiago de Compostela
-
Goretti Sanmartín será a primeira muller alcaldesa da capital de Galicia. A nova corporación de goberno de Santiago botará a andar o 18 de xuño.
-
Ay señor, señor…Tamames