Cultural, Entrevistas, Portada — 13 diciembre, 2013 a las 12:39

Xerardo Neira presenta o seu último libro, ‘O capador de boinas’

Por

O capador de boinas

En Torrevedra un día apareceu una boina mutilada. Outro día, unha nova boina era vilmente seccionada no seu rabicho… o misterio necesita que un detective se poña mans á obra… ou á boina. Será o cura quen argallará un curioso plan para descubrir quen pode ser o terrible delincuente que se entretén collendo as boinas dos veciños para estragalas desa vil maneira…

O capador de boinas, a nova obra de Xerardo Neira (Santiago de Compostela, 1978), introduce ao lector nunha trama detectivesca seguindo os pasos do cura do lugar.  Neira, biólogo, periodista e literato, foi recoñecido, ao longo da súa carreira literaria, con varios premios entre o que destacan o Premio Antón Avilés de taramanco de Relato de Aventuras, por O rei dos lobos e o Premio de Novela Curta do concello do Baladouro, por Da terra de Deus.

Aproveitamos a presentación da súa nova novela, O capador de boinas, para achegarnos a este prometedor escritor.


P: Durante varios anos colaborou con ‘El Correo Gallego’ e ‘Galicia  Hoxe’, como periodista. Cómo ve a situación actual dos diarios da Galiza?

R: A situación é complicada: á parte da crise económica global, os medios de comunicación en xeral, e non só os periódicos en papel, arrastraban xa a súa propia crise, e, se buscan a solución na Internet, atópanse co problema de sacarlle rendibilidade.

P: A súa primeira novela foi O rei dos lobos (Ed. Toxosouto) en 2006. Pasaron sete anos ata publicar unha nova obra. Qué estivo facendo nese tempo?

R: No 2007 comecei a traballar como xornalista a tempo completo, ata o 2011, en que a crise veu poñerlle fin a esa etapa. Polo tanto, en ningún momento deixei de escribir, pero o xornalismo é un xénero literario que non conxenia coa ficción  ou non debería), por iso me levou un tempo retomar os vellos hábitos.

P: Participou en varios concursos de relatos nos últimos anos, e moitos deses relatos eran de ciencia-ficción. Gústalle máis ese xénero?

R: O da ciencia-ficción é un campo no cal me atopo cómodo: resúltame doado crear tramas realistas xa que a miña formación é a dun licenciado en bioloxía. Realmente, este non é un fenómeno estraño na literatura galega, onde os biólogos somos lexión, con representantes do talle de María Goretti Fariña, Marilar Aleixandre, Ramón Caride ou Xavier Queipo.

P: Dende o 2006 recibíu varios premios e recoñecementos polos seus relatos. Pero de todos eles cal foi o que máis ilusión lle fixo?.

R: É difícil elixir, pero diría que o premio Antón Avilés de Taramancos, por O rei dos lobos, xa que foi o primeiro e interpreteino como un sinal de que ía polo bo camiño.

P: No 2002 recibiu o VII Premio Manuel Reimóndez-Portela polos seus artigos en defensa da lectura. O seu amor pola lectura onde xurdíu?

R: Meus pais tiñan un quiosco, así que poderíase dicir que corre tinta polas miñas veas.

P: As súas novelas e relatos se ambientan sempre en Galiza.

R: Iso será porque non son eu moi viaxeiro.

P: O capador de boinas é unha historia de detectives protagonizada por un cura. Algún parecido co padre Brown de G.K. Chesterton?

R: Orixinalmente, o elemento primordial na miña obra era o capador de boinas, e claro, descubrir a identidade deste misterioso malfeitor é misión para un detective, unha persoa que, ben sexa profesional ou afeccionado, debe destacar polo seu intelecto, as súas habilidades e os seus recursos. Barallei outros posibles investigadores, como un cabo da Garda Civil ou o médico, pero o que máis lle acaía á obra, dado o ambiente no que se desenvolve, era o cura, que moitas veces, nas parroquias rurais de Galicia, é o eixo ó redor do cal xira o mundo. Quero dicir con isto que, no meu ‘casting’ de protagonistas, o feito de que o papel principal quedase reservado para o cura deuse logo dun simple proceso de eliminación: achegando un argumento teolóxico, poida que estivese predestinado.

P: A historia sucédese en Torrevedra, un lugar ficticio pero inspirouse  en algunha localidade en concreto para recrear Torrevedra?

R: Torrevedra vén sendo un arquetipo de parroquia rural galega, pero algunhas das historias que se contan no libro son anécdotas protagonizadas por persoas reais de Vedra, Boqueixón ou A Estrada.

P: Ten algo contra as boinas?

R: Non, eu non fago distinción entre “boinas e birretes”.

P: O capador de boinas gustaralles a aqueles que….

R: … teñan sequera un chisco de sentido do humor. O libro forma parte da colección Árbore da ditorial Galaxia, dirixida a lectores de máis de 10 anos, pero, doutra banda, non hai marcado un límite de idade máxima.

P: Dani Padrón encargouse de ilustrar o O capador de boinas. Traballaron xuntos ou deixoulle que crease libremente?

R: A verdade é que Dani non necesitou ningunha guía para captar a esencia dos textos nas súas ilustracións. É un profesional de gran valía con numerosos recoñecementos pola súa obra.

P: Qué está a ler estos días?

R: Pois xustamente estou cunha obra de ciencia-ficción, Earth abides (A Terra permanece), dun autor americano, George R. Stewart.

Xerardo Neira. Foto: Henrique Neira

 

Un comentario

  1. Pingback: Xerardo Neira presenta o seu libro O capador de boinas | ::Axenda cultural AELG::

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.