Cultura, Música, Portada — 9 octubre, 2017 a las 11:36

Vigo e Santiago serán o escenario para interpretar a Manuel de Falla pola da Real Filharmonía de Galicia

Por

A Real Filharmonía de Galicia ofrece esta semana dous concertos dedicados á música española

A orquestra tocará mañá martes en Vigo e o mércores en Santiago, baixo a batuta de Maximino Zumalave

O programa inclúe “El sombrero de tres picos” de Manuel de Falla

A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá esta semana dous concertos. O primeiro celebrarase mañá martes no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas. E o mércores, tamén ás 20:30 horas, a orquestra tocará en Santiago, na súa sede, o Auditorio de Galicia. A batuta de ámbolos concertos levaraa o mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado da agrupación.

 Estes concertos estarán dedicados á música española. Comezarán con Diez melodías vascas de Jesús Guridi (1886-1961). É unha das obras máis populares e recoñecidas do compositor vasco, inspirada no folclore da súa terra.

 De seguido o público terá a oportunidade de escoitar a obra Granada. Un atardecer en la Alhambra, do compositor galego Andrés Gaos (1874-1959). Trátase dun poema sinfónico que evoca a tradición musical andaluza.

 Os concertos concluirán con El sombrero de tres picos do gaditano Manuel de Falla (1876-1946), considerado un dos compositores españois máis representativos da primeira metade do século XX. Trala estrea deste ballet en Londres en 1919, a obra alcanzou un éxito rotundo e Falla compuxo dúas suites orquestrais que se adoitan interpretar máis que o propio ballet e que son as que a RFG achegará ao público en Santiago e Vigo.

O mestre Maximino Zumalave

 O mestre e pianista compostelán Maximino Zumalave será o encargado de dirixir os dous concertos. Formouse musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. É fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum; director asociado da Real Filharmonía de Galicia, da que foi fundador; e director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia. Ten dirixido a importantes orquestras nacionais e internacionais en toda Europa.

 É membro da Real Academia Galega de Belas Artes e coordinador da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega. En 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao e en 2016 foi distinguido co Premio da Cultura Galega.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*