SMS Premium

É moi probable que non lembremos nin o momento nin o lugar no que demos inicio a un particular calvario que en forma de mensaxes de texto engrosa os importes das nosas facturas de teléfono móbil. Unhas veces por participar nun concurso de radio ou televisión, outras para coñecer os resultMiguel Lópezados dalgún test online ou para descargar determinados contidos desde a Internet.

Poucas veces lemos as condicións legais ou os termos de uso ou participación e polo xeral nelas  agóchase a explicación a eses importes, polo xeral de 1,20 € (máis IVE), que non sabemos de onde veñen ou con que se corresponden. I é que na letra pequena destas páxinas web ou concursos inclúense cláusulas nas que o consumidor acepta que se lle cobre por cada unha desas mensaxes que recibe. A frecuencia coa que se nos enviarán tamén se inclúe nese condicionado.

Estas situacións son ben coñecidas pola xente que nos dedicamos á protección do consumidor xa que son resultado da perversión dun sistema que na súa orixe respondía á prestación dun servizo de información (baixo a forma dunha mensaxe de texto ou multimedia) a cambio do pago dun prezo (recargo sobre o custo básico da mensaxe de texto). Son unha modalidade máis dos coñecidos como servizos de tarificación adicional, nos que o sobrecusto da mensaxe correspóndese coa contraprestación polo servizo de información que presta o operador titular do número desde o que se envían as mensaxes.

Como acontece noutros sectores, o maior problema nesta materia tiña e aínda ten que ver, coa deficiente información que se lle subministraba aos usuarios. Para paliar esta situación actualmente o envío deste tipo de mensaxes está regulado por un código de conduta que establece a necesidade de que exista unha información clara e mesmo que o consumidor teña que aceptar expresamente (contestando vía SMS) cando o importe de cada mensaxe que reciba vaia superar os 1,20 euros. Cómpre prestar especial atención ao prezo de cada mensaxe xa que o seu importe pode chegar ate os 6 euros. A información sobre o custo deberá completarse coa relativa á empresa que proporciona o servizo así como ao número de teléfono de atenciòn ao cliente.

Este código impide así mesmo que a prestación do servizo se realice en dúas ou máis mensaxes (é dicir, que ten que proporcionarse co envío dunha soa) e permite aos usuarios que soliciten do seu operador a desconexión da súa liña deste tipo de servizos, unha recomendación máis que interesante se o que queremos é evitar calquera situación deste tipo. Se esta solución nos parecese excesiva e queremos solicitar a baixa dun servizo concreto, podemos enviar unha mensaxe coa palabra baixa ao número desde o que se nos envían as mensaxes.

Se a pesares destas recomendacións, recibimos unha factura na que se inclúe este tipo de mensaxes e estamos seguros de non ter solicitado o seu envío, lembremos que temos dereito a presentar reclamación e a que non se nos interrompa o servizo se pagamos a parte do prezo das mensaxes que cubra o gasto da operadora que nos da servizo de telefonía (as facturas han separar esta parte da que se corresponde propiamente co servizo de tarificación adicional). Se a nosa reclamación non é atendida, poderemos informarnos na Unión de Consumidores de Galicia (www.ucgal.org) ou acudir á Xunta Arbitral de Consumo de Galicia ou ao servizo de reclamacións da Secretaría de Estado de Telecomunicacións.

Miguel López Crespo
Secretario Xeral UCGAL

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.