Actualidad Política, Portada — 6 junio, 2018 a las 10:14

Rubén Cela non será candidato nas vindeiras eleccións municipais de Santiago de Compostela

Por

“Responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar”, explicou

Afirmou “ser consciente de que é o mellor momento” para tomar esta decisión porque o BNG en Santiago está “nunha boa posición” ao conseguir nos últimos tempos reactivar a base militante e simpatizante

O portavoz do BNG no Concello de Santiago de Compostela, Rubén Cela.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018.- Rubén Cela anunciou en rolda de prensa que non vai repetir como candidato nas vindeiras eleccións municipais, logo de comunicar esta decisión á asemblea local do BNG.

Rubén Cela, que entrou como concelleiro do BNG no pazo de Raxoi en 2011, explicou a súa intención de “non repetir como cabeza de lista ás vindeiras eleccións municipais”. “Para min, esta foi unha das decisións máis complicadas da miña vida, pódovos asegurar que, sen lugar a dúbidas, foi a máis pensada e repensada e responde exclusivamente a unha cuestión de tipo persoal e familiar”, sinalou, “non ten nada a ver coa vida municipal nin política”.

“Son dos que penso que para ser portavoz dun grupo político no Goberno ou na oposición require dun traballo, dispoñibilidade e esforzo que non vou ter no futuro e o que me parece máis honesto, coherente, sensato e mellor para o BNG e tamén para a Corporación é dar paso a outras persoas”, asegurou.

Ademais, afirmou “ser consciente de que é o mellor momento” para tomar esta decisión porque o BNG en Santiago está “nunha boa posición” porque conseguiu nos últimos tempos reactivar a base militante e simpatizante, “vólvese achegar xente ao BNG e temos un clima interno moi bo e con gran cohesión que vai permitir facilitar este proceso en pouco tempo e de xeito positivo”, con persoas e ideas “para facer de Santiago de Compostela un concello mellor para vivir, para traballar e para gozar”.

Sinalou tamén que vai seguir “deixando a pel” no ano que falta “para facer unha boa oposición” que vai seguir sendo fiscalizadora e, polo tanto, crítica coas cousas que faga mal o Goberno de Compostela Aberta “mais tampouco vai mudar a folla de ruta polo proceso electoral e até o último día será unha oposición propositiva, positiva e coa man tendida a chegar a acordos naqueles asuntos que sexan bos para a veciñanza de Santiago de Compostela”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*