Rocío Castro Pego impartirá clases maxistrales na Escola de Altos Estudos Musicais

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional.

A vindeira semana contarase coa presenza da recoñecida violinista Raquel Castro, o xoves 5 de marzo, de 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e o venres día 6, de 10:00 a 14:00 horas. Ademais dos alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas clases músicos externos ao centro. Os interesados en participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Pego naceu na localidade de Aguiño, en Ribeira, en 1972. Formou parte da Orquestra Xove de Galicia e na actualidade desfruta dunha magnífica carreira como intérprete e pedagoga do violín. As súas recentes actuacións téñena levado, ademais de por toda España, a países como Gran Bretaña, Francia, Italia, Eslovenia, Croacia, Estados Unidos, Israel e a diversos lugares de Oriente Medio.

Recibe a súa formación en España e Londres, na Guildhall School of Music and Drama. Completa os seus estudos na Universidade de Indiana. Grazas a unha bolsa do Programa Fulbright consegue o Masters en Música coas máximas cualificacións, baixo a tutela do mestre Mauricio Fuks, do cal ten sido asistente.

Ten sido convidada a impartir clases na Universidade de Indiana e na Summer Festival Academy en Bloomington. En 2005 conseguiu a praza de primeiro violín solista na nova formación Ensemble Nacional Español de Música Contemporánea. É convidada nacional e internacionalmente para impartir clases maxistrais, seminarios e cursos de violín. Dende o ano 2004 é profesora de violín na Escola Superior de Música de Cataluña (ESMUC).

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.