Queremos Galego mobilizase o 17 de maio baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego

A plataforma cidadá Queremos Galego, composta por máis de 700 entidades, organizou para o vindeiro 17 de maio, Día das Letras, unha ducia de mobilizacións nas principais cidades e vilas do país para esixir “liberdade, igualdade e xustiza para o galego». Baixo o lema “Máis que nunca, Queremos Galego”, o colectivo quere recordar a importancia que os servizos municipais de normalización lingüística, as empresas concesionarias ou a formación do funcionariado seguen a ter para a defensa da lingua en todas as comarcas, en todos os concellos. En Compostela, a cita é ás 12h do mediodía na Alameda.

«Máis que nunca, queremos galego», recolle o manifesto deste 17 de maio, «porque a situación do galego é crítica mais a situación pode mellorar se se comeza por recoñecer o dereito a ser lingua visíbel, audíbel, e practicábel sempre, a respirar libremente en todos os espazos; porque o 22,7% das persoas de 4 a 15 anos non saben falar galego; porque existen límites de todo tipo, tamén legais, para empregalo con normalidade; porque o goberno galego non  exerce o seu deber estatutario de defender a lingua, actúa en contra, en ámbitos decisivos como a educación, a sanidade, a xustiza ou os medios de comunicación; e porque hai unha nova ofensiva xudicial e política contra o galego como a recente sentenza do Tribunal Supremo contra a ordenanza de normalización lingüística do Concello de Lugo.

«Máis que nunca, queremos galego», continúa, «para defender a liberdade, a democracia e a xustiza en Galiza; para que exista a posibilidade de vida normal en galego; para que non se vulneren os nosos dereitos lingüísticos que son dereitos humanos; para que xuízas, fiscais ou avogadas entendan e empreguen o galego». «Máis que nunca, queremos galego», conclúe, «porque sen lingua non hai desenvolvemento social e económico, non hai liberdade posíbel, non hai igualdade, non hai xustiza. E sen liberdade, sen igualdade, sen xustiza non hai democracia».

«A situación do galego non é irreversíbel, pódese modificar garantindo os tres principios: liberdade, igualdade e xustiza», recorda o manifesto que se escoitará o vindeiro venres en Compostela e nas principais vilas e cidades de Galiza.

Manifesto

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.