Todas as novas dos Premios e da Gala dos XXIII María Casares

Un total de 12 espectáculos competirán como finalistas nos XXIII Premios de Teatro María Casares

‘Commedia’, de Contraproducións, con 12 finalistas; ‘Divinas Palabras Revolution’, do Centro Dramático Galego, con 7, e ‘A leituga’, de Emedous, con 5, son os espectáculos que acaparan maior número de finalistas.

Estas tres montaxes disputaranse, ademais, o premio ao mellor espectáculo, mentres que ‘Contos do recreo’, de Redrum; ‘PATAPATÚM’, de Elefante Elegante’ e ‘A nena e o grilo máis aló’, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán polo galardón de mellor obra infantil.

A gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarase o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña

Un total de 12 espectáculos competirán en calidade de finalistas por facerse con algún dos catorce galardóns que se entregarán durante a gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará o 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Así se deu a coñecer na tradicional Festa de Finalistas que tivo lugar na cafetería Lasso do Auditorio de Galicia. O acto, que foi presentado pola secretaria da AAAG, Iria Sobrado, contou co asistencia de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Yolanda Pereira, coordinadora da delegación Noroeste da Fundación Aisge, que entregaron a cada finalista os trofeos e diplomas en calidade de representantes dalgunhas institucións que patrocinan os galardóns do noso teatro, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende 1997.

A obra Commedia, de Contraproducións, acadou un total de 12 finalistas nas categorías de espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, vestiario, escenografía, iluminación, música orixinal e actor secundario por partida tripla, acaparando así todos os finalistas neste apartado.

Pola súa banda, Divinas Palabras Revolution, produción do Centro Dramático Galego, rexistra 7 finalista nas categorías de espectáculo, dirección, actriz protagonista, actriz secundaria, adaptación-tradución, maquillaxe e escenografía.

A gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarase o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña.  A leituga, de Emedous Emoción&Arte, pecha a tríade de espectáculos con máis número de finalistas, xa que optará a cinco galardóns na gala: espectáculo, actriz protagonista, actor protagonista, escenografía e iluminación.

Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno, conseguiron catro finalistas cada unha. Invisibles competirá nos apartados de dirección, adaptación-tradución, iluminación e actriz secundaria. Casa O’Rei, pola súa banda, podería gañar os premios de música orixinal, texto orixinal, actor protagonista e actriz secundaria.

Talía Teatro e a súa obra O servidor de dous amos optará, ao contar con tres finalistas, aos galardóns de maquillaxe, vestiario e actriz secundaria. As obras que obtiveron dous finalistas son Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro (actriz e texto orixinal), #Camiños de Butaca Zero (texto orixinal e vestiario), e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos (espectáculo infantil e música orixinal).

Finalmente, tres montaxes acada un finalista: Arnoia, arnoia, de PistaCatro, que competirá no apartado de maquillaxe, PATAPATÚM, de Elefante Elegante, que fará o propio na categoría de mellor espectáculo infantil, ao igual que Contos do recreo, de Redrum Teatro.

Estes doce espectáculos competirán así na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano se celebrará no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Os galardóns están organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e contan co apoio e o patrocinio de institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

Repartición de finalistas por montaxes

1. Commedia, de Contraproducións (12 finalistas): espectáculo, dirección (Cándido Pazó), actriz protagonista (Nuria Sanz), actor protagonista (Víctor Mosqueira), actor secundario por partida tripla (César Goldi, Avelino González e Marcos Orsi), adaptación-tradución (Cándido Pazó), vestiario (Suso Montero), escenografía (Suso Montero), iluminación (Afonso Castro) e música orixinal (Fernando Reyes).

2. Divinas Palabras Revolution, do CDG. (7 finalistas): espectáculo, dirección (Xesús Ron), adaptación-tradución (Manuel Cortés), actriz protagonista (Patricia de Lorenzo), actriz secundaria (Mónica García), escenografía (Suso Montero) e maquillaxe (Fany Bello)

3. A leituga, de Emedous, (5): espectáculo, actor protagonista (Antonio Durán ‘Morris’), actriz protagonista (María Vázquez), Iluminación (José Manuel Faro ‘Coti’) e escenografía (José Manuel Faro ‘Coti’)

4. Invisibles, de Redrum Teatro, (4): dirección (Marián Bañobre), actriz protagonista (Mela Casal), iluminación (Laura Iturralde) e adaptación-tradución (Marián Bañobre e Santiago Cortegoso)

5. Casa O’Rei, de Iburpofeno Teatro, (4): actor protagonista (Miguel Borines), actriz secundaria (Marián Bañobre), texto orixinal (Santiago Cortegoso) e música orixinal (Alonso Caxade).

6. O servidor de dous amos, de Talía Teatro, (3): actriz secundaria (Marta Lado), maquillaxe (Martina Cambeiro) e vestiario (Martina Cambeiro).

7. #camiños, de ButacaZero (2): vestiario (Diego Valeiras e ButacaZero) e texto orixinal (Esther F. Carrodeguas).

8. Anatomía duha serea, de Iria Pinheiro (2): mellor actriz (Iria Pinheiro) e texto orixinal (Iria Pinheiro e María Lado).

9. A nena e o grilo máis aló, de Magin Blanco e Teatro Ghazafelhos (2): música orixinal (Magín Blanco) e espectáculo infantil.

10. Arnoia, Arnoia, de Pista Catro Produtora de Soños (1): maquillaxe

11. Contos do Recreo, de Redrum Teatro, (1): espectáculo infantil

12. Patapatúm, de Elefante Elegante (1): espectáculo infantil

A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) concédelles ex aequo á Aula de Teatro da Universidade de Santiago e á Aula de Teatro Universitaria de Ourense o Premio de Honra Marisa Soto.

Con este galardón, recoñécese o inxente labor destas dúas aulas de teatro, auténticas canteiras para a nosa escena profesional dende as súas respectivas fundacións a comezos dos anos noventa do pasado século. “Varias ducias de intérpretes que, hoxe por hoxe, soben aos nosos escenarios, deron os seus primeiros pasos nestas aulas universitarias. Espertaron vocacións e cultivaron talentos ao longo de tres décadas, antes mesmo de que existise unha Escola Superior de Arte Dramática en Galicia, polo que merecen todo o noso aplauso, todo o noso agarimo e todo o noso respecto”, sentencia a Xunta Directiva, que tamén subliña o seu gran traballo á hora de crear “afeccionados, público e un tecido de interesantes iniciativas formativas ou de exhibición como son os diferentes festivais que se repiten cada ano.”

Deste xeito, as Aulas de Teatro Universitario de Ourense e Santiago únense á longa lista de persoas e entidades que dende 1996 reciben este premio honorífico. Manuel Lourenzo, Rosa Álvarez, Eduardo Alonso, Ana Romaní, a Sala Nasa, Pilar Pereira, o Padroado da Cultura do Concello de Narón, o grupo Abrente ou Maruxa Villanueva recibiron xa o seu Premio de Honra Marisa Soto.

Paula Pereira é a artista creadora dos galardóns dos Premios María Casares

Foto. LaDiapo

A gala celebrarase o vindeiro xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña e coñeceremos os finalistas das catorce categorías nos que se dividen os galardóns o 21 de febreiro na tradicional Festa dos Finalistas

 

 

Actualizado o 20 de febreiro de 2019.- Os Premios de Teatro María Casares, estrenan novo deseño nos premios Teatro María Casares. A ceramista Paula Pereira é a autora dos novos trofeos, que substituirá nesta vixésima terceira edición as tradicionais xerras de Sargadelos. A Xunta Directiva anunciou o pasado mes de decembro a súa intención de prescindir das tradicionais figuras co rostro de María Casares asinadas por Sargadelos debido as decisións empresarias e as declaracións ao respecto da acción sindical da actual dirección do grupo.

Paula Pereira foi a escollida pola Xunta Directiva da AAAG tras consultar a diversos creadores e meditar sobre as diferentes propostas que lle chegaron á Asociación. De todas elas, a asinada por Paula Pereira foi a escollida. A artista ofrece no novo trofeo unha interpretación da faciana de María Casares, na que a construción da peza parte dun achegamento artístico á súa mirada para crear unha suxestiva figura, na que destacan as cores azuis no esmaltado.

A artista ceramista
Paula Pereira (Arcade, 1986) é deseñadora, ilustradora e ceramista. Estudou Bellas Artes en Pontevedra e en 2014 creou o seu propio selo, Cavalinho do Demo. Pereira xa creou galardóns para destacados premios e certames da cultura galega. É o caso do Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, convocado polo Concello de Pontevedra e Urco Editora. Ademais, asina as pezas conmemorativas dos premios de Fornelos de Montes: O Premio Lueiro Rey de Xornalismo e o Manuel Lueiro Rey de Poesía. Tamén confecciona os galardóns da Deputación de Pontevedra e a súa Gala da Lingua.

A gala dos Premios María Casares celebrarase o xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña. Xusto un mes, o xoves 21 de febreiro, daranse a coñecer as montaxes e profesionais que aspiren ás catorce categorías nas que se dividen os galardóns na tradicional Festa de Finalistas que se celebrará na Cafetería Lasso do Auditorio de Galicia, en Santiago.

Os Premios de Teatro María Casares, organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, contan co patrocinio de institucións e entidades como o Concello da Coruña, da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE ou a Fundación SGAE.

 O cartel dos XXIII Premios de Teatro María Casares

David Rubín asina o cartel dos XXIII Premios de Teatro María Casares

Santiago de Compostela, 08 de febreiro de 2019. David Rubín encárgase da creación do cartel dos XXIII Premios de Teatro María Casares. A Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, entidade organizadora dos galardóns, confiou este ano no autor de cómics ourensán para encargarse da imaxe dos María Casares, dando así continuidade á iniciativa emprendida pola AAAG na edición anterior de encargar a creación dos carteis a diferentes debuxantes co obxectivo de estreitar relacións entre o sector escénico e o puxante ámbito da ilustración, a banda deseñada e o deseño gráfico.

A proposta de Rubín recupera o rostro da actriz María Casares, cuxo presenza convértese en central no cartaz deste 2019. “O obxectivo é visibilizar a actriz, lembrarlle a todo o mundo quen era María Casares e por que os Premios de Teatro leva o seu nome”, apunta o propio Rubín, antes de furar no significado da súa proposta artística. “Encerra unha estratexia metafórica para representar o que significa ser, non só intérprete, senón profesional do teatro. Así vemos o corazón ao aire, imprescindible para este traballo, os cambios de papeis, os tipos de iluminación ou esa pistola empuñada por Micky Mouse e que apunta directamente á cabeza, para lembrar as dificultades deste oficio e de toda a cultura en xeral, que sempre estamos, por así dicilo, na corda frouxa”, reflexiona Rubín, antes de recoñecer un último xesto aos pioneiros da nosa dramaturxia. “No fume do cigarro, pódense adiviñar os versos de Lela, que Castelao escribiu para Os vellos non deben de namorarse”, conclúe o autor.
David Rubín

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.