Cultura, Literatura, Portada — 16 Noviembre, 2016 a las 19:07

Premios de literatura dramática da AGADIC

Por

Manuel Lourenzo resultou ser o gañador do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais por ‘Suite Artabria’. O premio Manuel María de literatura dramática infantil foi para Carlos Labraña por ‘O valo’. O premio Barriga Verde de textos para monicreques, na modalidade infantil, acadouno Ignacio Vilariño con Os golfiños e o xigante’ e Roi Vidal Ponte gañou o galardón na categoría de adultos por ‘Marcha fúnebre para un monicreque’

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidirá o acto de entrega dos Premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados pola Agadic. Estará acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez na entrega a Manuel Lourenzo, actor, dramaturgo e director teatral.

O conselleiro de Cultura e Educación presidiu a entrega dos seus respectivos recoñecementos, que contan en cada caso cunha dotación de 6.000 euros, e referiuse á posta en valor de toda a historia da dramaturxia galega contemporánea

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia o acto de comunicación e entrega dos premios de literatura dramática da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que este ano recaeron en Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño.

Román Rodríguez expresou que co recoñecemento que se lle fai ao traballo destes catro nomes, ponse en valor toda a historia da dramaturxia galega actual e contemporánea, xa que a produción dos autores distinguidos abrangue practicamente as cinco últimas décadas da literatura na nosa lingua. Destacou, nese sentido, a presenza dunha figura fundamental en todos os eidos do noso sistema teatral, como é o caso de Manuel Lourenzo, así como as posibilidades de futuro para a escrita dramática que se abren ao integrar neste palmarés a dramaturgos emerxentes e das últimas xeracións.

Suma de esforzos

O conselleiro de Cultura incidiu tamén na importancia do xénero dramático como un dos puntais da cultura galega, nas múltiples utilidades sociais que ofrece e na necesidade de prestarlle apoio para acadar un catálogo de títulos amplo e variado, integrado por pezas que poidan ser efectivamente levadas ás táboas ou mesmo ás pantallas.

Neste sentido, anunciou a nova liña de traballo conxunto que se vai abrir entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a recentemente constituída asociación DramaturGA, que se materializará coa celebración dunhas xornadas conxuntas a principios de decembro.

Lourenzo, coa obra ‘Suite Artabria’, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por ‘O valo’, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, e na infantil, en Ignacio Vilariño por ‘Os golfiños e o xigante’.

– XXIII Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais

– IX Manuel María de Literatura Dramática Infantil

– XII Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (infantil e adulto)

Variedade temática

Suite Artabria’ é un conxunto de tres pezas (‘Orzán’, ‘O fulgor das atochas’ e ‘Alerta na rúa do Pozo’) concibidas como un roteiro por algúns dos espazos máis representativos da Coruña. Trátase dun paseo pola intimidade escura e visceral dunha cidade amada polo autor, por tres barrios que desenvolven cadansúa historia criminal en ambientes marxinais e con personaxes absolutamente recoñecibles na realidade actual: perdedores, buscavidas, amargados, especuladores e corruptos enfróntanse a situacións límite.

Co conflito civil de Siria como pano de fondo, ‘O valo’ narra o encontro entre unha nena que foxe da guerra, Sahara, e un rapaz soldado, gardián devoto de fronteiras móbiles. O xurado destacou desta peza un minucioso coidado da lingua, o que lle outorga un carácter sobresaínte como peza teatral.

En ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, Vidal Ponte parte dunha anécdota histórica operística para indagar con ironía na relación entre o escénico e o extraescénico, coa finalidade de homenaxear os oficios técnicos do teatro, ao tempo que observa o rol do espectador de xeito provocador e irreverente. A peza contempla un dispositivo escénico móbil que marca o ritmo e a estrutura da obra, elaborando así un xogo que converte o teatro en obxecto e fai que a manipulación de monicreques sexa parte do seu carácter.

Pola súa banda, ‘Os golfiños e o xigante’ trata, por medio da viaxe da súa protagonista, un tema de actualidade e de interese para os máis novos: a reivindicación da vida dos animais en liberdade. A obra discorre a través de diálogos áxiles e dunha complexa proposta escénica que mestura a técnica de sombras chinesas co audiovisual.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidirá o acto de entrega dos Premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados pola Agadic. Estará acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.

Entrega dos Premios de literatura dramática Álvaro Cunqueiro, Manuel María e Barriga Verde, convocados pola Agadic.

Un comentario

  1. Enhorabuena por tu trabajo Manolo Lourenzo y portu trabajo a lo largo de los años,y porel premio muy merecido.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*