Os grans de area fan desertos

Alejandro Tobar
Alejandro Tobar (fonte: El Progreso)

Hugin e Munin, unha editorial que nace para traducir clásicos da literatura universal á nosa lingua.

Dende os sectores máis comprometidos coa cultura galega tense conciencia de que para que o idioma manteña unha boa posición é necesario que os grandes clásicos da literatura universal estean dispoñibles na nosa lingua.  O catálogo por agora é pequeno, uns dezaseis títulos. E é que neste cabo a calidade eríxese como factor clave fronte á cantidade.

Alejandro Tobar
Alejandro Tobar (fonte: El Progreso)

Alejandro Tobar (Lugo, 1983), licenciado en filoloxía inglesa e tradutor, é o iniciador da editorial Hugin e Munin a finais do 2011 que xorde con ese ánimo e que pervive grazas ás contribucións dos subscritores. O pasado martes daba unha charla sobre a literatura nórdica e a súa enorme contribución no mundo. E dentro do proxecto que esta editorial desenvolve non podía faltar obra nórdica. O primeiro título é Mel de abellón de Torny Lindgren, un reputado escritor de Suecia e membro da Academia Sueca dende o 1991. Preguntábanlle a Alejandro Tobar na librería “O fogar das palabras” cal era a característica principal para dicir si á tradución e edición dun determinado libro. A calidade e a complexidade, el insistía en que todos os libros do catálogo teñen como trazo común que requiren un certo esforzo por parte do lector, que non son libros comerciais. Ao mesmo tempo, tamén hai obras que por algún motivo pasaron desapercibidas pero que gozan de moita calidade.

A subscrición é a base que fai que cada ano se poidan publicar oito libros ao ano, e polo tanto trátase de persoas que buscan esa esixencia que esta recentemente fundada editorial ofrece ao seu público. Mesmo se o prezo da subscrición base é de 116 euros anuais, esa cota redúcese a 100 euros no caso dos menores de 30 anos. Unha adaptación ao público que pode ver en editoriais coma esta unha forma de diferenciar os seus gustos dos puramente comerciais e títulos máis soados no mercado.

A recente obra editada por Hugin e Munin publicouse en sueco no 1995 e segundo o propio Alejandro ten moito que ver co cine de Ingmar Bergman, onde dous irmáns enemistados se deixan levar por rancores, temores e sentimentos atopados. Destacando a pesadume e o humor dos escritores nórdicos, o director de Hugin e Munin compara este relato co de Caín e Abel, cualificando a historia como novela psicolóxica de contido social, cun ambiente abafante nun inverno que parece non rematar nunca.

No medio dun mercado literario cada vez máis empapado de libros e libros que parece non darnos tregua, aparecen alternativas como Hugin e Munin ou Enxebre Books (esta última edita en dixital e papel dando unha oportunidade a novos escritores) que fan da figura do editor un instrumento necesario para poñernos en orde. Unha tarefa dende sempre complexa, pero que hoxe se volve unha odisea. Os lectores valoran un esforzo por apostar pola calidade. A crise económica non frea que os máis avezados se lancen a proxectos a favor da cultura. Non se trata de que sexan proxectos de dimensión enorme, pero si de que axuden na consecución da normalización do galego.

Sobre Tensy Gesteira 23 Artículos
Periodista

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.