Ollo cos heroes

Teño que recoñecer que son bastante seguidor das series de ficción televisiva e que, como tal, sigo a adaptación de Atres Media da obra de Nacho Carretero, Fariña (libro que tamén estou a ler e que me parece moi interesante e necesario para coñecer o noso pasado non tan lonxano).

A serie mostra o que foi durante anos o contrabando nas rías galegas, primeiro de tabaco e logo de sustancias estupefacientes ilegais (cocaína, heroína,…). En palabras de Carlos Blanco, actor da mesma no papel de Laureano Oubiña, e natural de Vilagarcía de Arousa: “Fariña é o noso Cuéntame”.

Chama profundamente a atención o xeito no que os narcotraficantes campaban ás súas anchas namentres as forzas da orde e os poderes públicos miraban cara outro lado, cando non se beneficiaban directamente da riada de diñeiro ilícito que inundaba as nosas costas.

O éxito televisivo traslada a todo o territorio nacional unha parte da nosa historia ademais de popularizar certas expresións do noso idioma. Xunto a todo isto, a serie está dando a coñecer a figura de persoaxes funestos como Manuel Charlín, Laureano Oubiña ou o máis famoso de todos cantos narcos naceron en Galicia, Xosé Ramón Prado Bugallo, coñecido mundialmente como “Sito Miñanco”.

Na ficción Miñanco aparece caracterizado como un narcotraficante pero dáselle a apareiencia de ser unha especie de “malo adorable” que tiña conciencia e que se preocupaba pola xente (ao parecer así o facían os narcos co obxectivo de gañar o aprecio popular). Así vese como este home chegou a presidir o Clube Xuventude de Cambados, ou a pagar do seu peto intervencións cirúrxicas de veciños que non podían facerlle fronte ao seu custo.

Esta imaxe  filantrópica está ben como reclamo publicitario e para os memes que inundan as redes sociais pero non debemos perder de vista nin por un segundo que Miñanco e todos os demais narcos galegos son os responsables directos da desgraza de toda unha xeración de mozos e mozas que viron o seu futuro tronzado polas drogas.

Supoño que non tardaremos en ver camisetas coa imaxe do Miñanco da tele pero non esquezamos que non é un heroe, é un delincuente.

A famosa canción “Tekno Trafikante” dos Papaqueixos (“Sito Miñanco, preso político”) non é máis que unha sátira, non nos confundamos.

Un comentario sobre «Ollo cos heroes»

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.