O violinista galego Cibrán Sierra, membro do Cuarteto Quiroga, impartirá clases a xoves músicos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumento

Tocará ademais como concertino coa Real Filharmonía de Galicia

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza do violinista galego Cibrán Sierra, o 13 de decembro, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música. Ademais, Sierra tocará esa semana como concertino coa Real Filharmonía de Galicia.

Imparte formación en conservatorios, universidades e institucións académicas superiores de Europa e América

O violinista galego Cibrán Sierra (Ourense, 1979) formouse en universidades de Suecia, Estados Unidos, Países Baixos e Suíza; ademais de na Escuela Superior de Música Reina Sofía de Madrid. Na actualidade mantén unha intensa actividade internacional como intérprete, fundamentalmente como violinista do Cuarteto Quiroga, Premio Nacional de Música 2018 e un dos cuartetos de corda máis recoñecidos da nova xeración europea.

Cibrán Sierra é convidado con regularidade como concertino e violinista principal por diferentes orquestras sinfónicas, de cámara e grupos de interpretación histórica en toda Europa. Colabora coa Orquestra de Cámara de Europa e ten traballado con directores do talle de Frans Brüggen, John Eliot Gardiner, Jordi Savall, Andrew Manze, Aarón Zapico, Alexander Janiczek, Sir Colin Davis ou Gustavo Dudamel, entre outros.

É docente na Cátedra de Cuarteto de Cuerda y Cámara do Conservatorio Superior de Música de Aragón. Colabora con frecuencia como profesor na Joven Orquesta Nacional de España. Imparte conferencias, cursos e clases maxistrais en conservatorios, universidades e institucións académicas superiores de España, Francia, Holanda, Suecia, Estados Unidos, Colombia… Toca o violín Nicola Amati de 1682 “Arnold Rosé”, cedido polos herdeiros de Paola Modiano.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.