O viola israelí Yuval Gotlibovich impartirá clases a músicos galegos

A Escola de Altos Estudos Musicais ofrece a posibilidade de que intérpretes novos melloren a súa destreza con este instrumentoA Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido viola de orixe israelí Yuval Gotlibovich, o día 28 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola -www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Profesor de viola no Conservatorio Superior del Liceo en Barcelona

Nacido en Israel, Yuval Gotlibovich sobresae como un dos violas máis solicitados da súa xeración. Gañou diversos concursos internacionais para o seu instrumento, entre eles o primeiro premio no VIII Concurso Internacional Lionel Tertis, no certame “Aviv” en Israel en 2004 ou no Concurso Nacional de Música de Cámara «Fischoff» en Indiana.

A súa actividade concertística desenvólvese en Europa, Estados Unidos, Canadá e Israel. Como solista ten tocado coa Sinfónica de Xerusalén, Tel-Aviv Soloists Ensemble, Orquestra de Cámara de Ostrobotnia (Finlandia) ou a Orquestra do Festival de Texas, entre outras agrupacións. Os seus concertos pódense escoitar en cadeas de radio e televisión do Reino Unido, Canadá, Israel, Francia, Alemaña e Estados Unidos. Como solista ten tocado en importantes salas como a Wigmore Hall en Londres, Tel-Aviv Opera House ou o Kennedy Center en Washington. 

Foi profesor de viola na Universidade de Indiana. Na actualidade é docente no Conservatorio Superior del Liceo en Barcelona, na Escuela Superior de Música Reina Sofía en Madrid e no Conservatorio della Svizzera Italiana.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.