Actualidad, Actualidad Social, Agenda, Cultura, Portada — 24 octubre, 2017 a las 22:21

O Paraninfo. Novas da Universidade

Por

Claustro de Fonseca. (USC) Santiago de Compostela

A xornada Móvete achega ao alumnado recursos e información sobre oportunidades de traballo e mobilidade

A xornada informativa Móvete dará conta este xoves 26 sobre os distintos programas de prácticas internacionais, recursos e oportunidades de traballo e mobilidade actualmente dispoñibles para a mocidade. No salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, ao alumnado interesado presentaráselle a información relativa ás bolsas Galeuropa, a Rede Eures, as prácticas Erasmus +, as bolsas e recursos da Fundación Galicia Europa, o Servizo de Voluntariado Europeo, así como outros programas e experiencias a nivel internacional.

Co obxecto de facilitar a participación de todo o alumnado interesado da USC está prevista unha primeira quenda en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas, e outra pola tarde de 16.00 a 20.00 horas. En ambos casos a asistencia é gratuíta e a inscrición é preciso facela a través da web www.empregate.usc.es. Esta é unha actividade organizada pola Área de Orientación Laboral encadrada no programa EMPRÉGA-T, programa formativo para o desenvolvemento de competencias profesionais que organiza Ciencias Económicas e que se desenvolve os meses de outubro e novembro tanto no campus de Santiago como no de Lugo. Todo o programa da xornada está dispoñible na web.

O ciclo de cine sobre a revolución rusa debate na segunda sesión a visión de Hollywood a comezos da década dos 80

Co lema ‘A visión de Hollywood a comezo da década de 1980’, o ciclo de ciclo ‘Centenario da(s) revolución(s) rusa. Un debate histórico’ celebra este mércores 25 a súa segunda sesión coa proxección de Rojos (W. Beatty, 1981). Coordinarán a xornada o profesor Xosé Nogueira e o historiador Manuel Barreiro, tendo continuidade o día 8 de novembro coa celebración do debate arredor do mesmo filme e do libro de J. Reed Diez días que estremecieron al mundo (1919).

Os grupos de investigación da USC SÍNCRISIS, HISTAGRA (BETA +) e Historia do Cine organizan este ciclo de conferencias e proxeccións de cine sobre a revolución rusa cando se compren 100 anos do proceso. A desenvolver entre o 18 de outubro e o 29 de novembro, esta é unha iniciativa que se dirixe a alumnado de historia, profesores de ensino secundario e público en xeral.

Son un total de seis sesións de tres horas de duración no Paraninfo das Universidade –nas tardes dos mércores a partir das 19.00 horas– co audiovisual e o debate como liñas esenciais e pensadas para profesionais do ensino en ciencias sociais, cun coñecemento previo amplo. Quen desexe participar debe inscribirse previamente no correo electrónico departamento.historia@usc.es.

Sesión de contacontos do Xapón a cargo de Yoshi Hioki

O afamado narrador Yoshi Hioki ofrecerá este mércores 25 unha sesión de contacontos con historias tradicionais de Xapón. Poderá escoitarse ás 18.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía. A entrada ao espectáculo, apto para maiores de 16 anos, é de balde ata completar aforo.

Pintor e narrador residente en Barcelona desde 1991, Yoshi Hioki dedícase a contar mitos, lendas e relatos literarios de todas as épocas do seu país. Desenvolve ademais diversas actividades como conferenciante e docente das actividades culturais para o Museo Etnolóxico de Barcelona e a Casa Asia. Membro da Associació de Narradores i Narradors, é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Barcelona.

Física reúne un cento de especialistas en materiais iónicos
Como novidade, no congreso entregarase o primeiro premio Ruth M. Lynden para recoñecer a traxectoria de investigadores/as con achegas de gran relevancia no ámbito dos sistemas iónicos

A International Conference on Ionic-liquid based Materials (ILMAT) exporá na Facultade de Física os últimos avances no estudo dos materiais iónicos tanto a nivel fundamental como orientado a unha gran cantidade de aplicacións en campos tan relevantes como o electroquímico, síntese, catálise, almacenamento de enerxía, aplicacións biomoleculares ou fotónica, entre outros. Cun enfoque multidisciplinar, a conferencia pretende pechar a lagoa entre investigación fundamental, teórica e experimental en líquidos iónicos e as súas aplicacións industriais, reunindo expertos recoñecidos mundialmente procedentes tanto do campo académico como da industria.

Entre este martes e o venres 27, Física reúne arredor dun cento de especialistas na cuarta edición de ILMAT no que, como novidade terá lugar a primeira entrega do premio Ruth M. Lynden para recoñecer a traxectoria de investigadores que fixeron achegas de gran relevancia no ámbito dos sistemas iónicos. Ruth M. Lynden, quen imparte a lección inaugural do congreso, é profesora emérita da Universidade Cambridge, doutora honoris causa pola Universidade de Belfast e fellow da Roya Society. Igualmente, está considerada unha pioneira nas simulacións por computadora de líquidos e defensora destacada do papel da muller na ciencia. Na súa primeira edición, o premiado é Alexei Kornyshev, profesor do Imperial College de Londres e un dos principais teóricos do campo na actualidade.

Organizan o congreso os profesores Luis Miguel Varela Cabo e Elena López Lago e o investigador Hadrián Montes, xunto cos profesores da Universidade da Coruña Óscar Cabeza Gras e Luisa Segade.

Que causa máis tristura: a morriña ou a nostalgia?

A profesora Isabel Fraga Carou, coordinadora do grupo de investigación Procesos Cognitivos e Conduta da USC e experta en Psicoloxía da Linguaxe, impartirá este mércores 25 a conferencia ‘Que me causa máis tristura: a morriña ou a nostalgia? Á busca da emoción nas palabras da nosa lingua’. O relatorio será ás 13.00 horas no Instituto da Lingua galega.

A profesora Fraga revisará os primeiros estudos psicolingüísticos feitos en lingua galega e falará sobre as investigacións realizadas noutras linguas, coma o inglés, o portugués ou o castelán, acerca da interacción entre léxico e sintaxe que se produce ao ler ou escoitar palabras emocionais, tanto en monolingües coma en aprendices dunha lingua estranxeira.

Referirase ademais ás liñas de investigación máis actuais en relación coa linguaxe e a emoción, nalgunhas das cales están a traballar co seu equipo de Psicolingüística, e que abranguen así mesmo varias linguas, con mostras de participantes que na meirande parte dos casos coñecen e empregan alomenos o galego, o castelán e o inglés.

A profesora Fraga Carou dará a coñecer varios corpus de palabras e unha ferramenta dixital, o emoFinder, que foron desenvolvidos en colaboración con outros grupos da Península e que resultan de grande utilidade non só para a realización de experimentos en psicolingüística, senón tamén para ámbitos coma o ‘sentiment analysis’ ou o estudo das diferenzas individuais no procesamento da linguaxe emocional mesmo desde unha perspectiva de xénero.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*