Ciencia — 20 diciembre, 2018 a las 16:46

O inverno comeza na noite do venres

Por

Ás 23:23 horas do venres 21 dará comezo o inverno boreal, que se prolongará ata o 20 de marzo ás 22: 58 horas. A eclipse total de Lúa da madrugada do 21 de xaneiro será, sen dúbida, o fenómeno astronómico máis salientable da estación que agora comeza. O primeiro contacto coa sombra terá lugar ás 4:34 horas, e o último ás 7:50

Plaza de Platerías- Santiago de Compostela FOTO. Mariel Norat Deza

No hemisferio norte esta é a estación máis curta, con 88,99 días fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.

Curiosidades
A Terra pasará, o 3 de xaneiro polo perixeo, mínima distancia ao Sol (147.097.887 Km), e ao día seguinte terá lugar o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas. Así mesmo, a comezos de ano aínda vai ser visible con prismáticos o cometa 46P/Wirtanen, preto da constelación de Auriga.

Por outra banda, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor a finais de febreiro, “e haberá interesantes aliñacións da Lúa con planetas nos amenceres dos primeiros días de xaneiro, febreiro e marzo”, informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo.

Rúa do Vilar (Santiago de Compostela) FOTO. Mariel Norat Deza

Outono chuvioso en Compostela
Segundo as medicións realizadas polo OARMA, o outono que agora remata “pode considerarse chuvioso na comarca de Compostela”, asegura Docobo, porque aínda que o inicio foi seco “como continuación dun setembro de récord”, as precipitacións iniciáronse a mediados de outubro para intensificarse ao longo de novembro e decembro. A modo de exemplo, entre os días 9 e 10 de novembro chegaron a caer máis de 110 litros/m2. Así en total, os máis de 700 litros/m2 recollidos (cun 63% de días de choiva) devolvéronlle a Santiago a normalidade pluviométrica.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.