O grupo Resclima convida á participación nun photocall contra o cambio climático

As persoas da comunidade académica e compostelá interesadas neste acontecemento poderán achegarse á Facultade de Ciencias da Educación do Campus Vida en horario de 10.00 a 14.00 horas

A comunidade universitaria e a compostelá están convidados a participar este mércores 17 no photocall #resclima2018 contra o cambio climático que organiza o grupo de investigación Resclima da USC. É unha iniciativa coa que se busca reivindicar a urxencia de implementar respostas educativas e sociais ante a crise climática. As persoas interesadas poderán achegar a súa propia mensaxe personalizada ou empregar algunhas das que a organización porán ao seu dispor e espallala nas redes sociais coa etiqueta #resclima2018.

A xornada desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas no módulo central da Facultade de Ciencias da Educación de Campus Vida. Como sinalan dende o grupo Resclima, a necesidade de chamar a atención sobre a dimensión do problema e a urxencia de pensar alternativas socio-educativas será o pano de fondo para que as persoas interesadas poidan retratarse coa mensaxe que desexen divulgar. Frase como ‘Non hai planeta B’, ‘Estou a mudar as cousas, non acepto o cambio climático’ ou ‘Educación libre de combustibles fósiles’ son algunhas das opcións entre as que poderán escoller para retratarse e propagar posteriormente as ideas a modo de retos para mudar o sistema.

Cada ano, en conmemoración da Confederación Intergubernamental da ONU sobre Educación Ambiental celebrada en 1977 en Tbilisi, universidades, escolas, aulas de natureza, centros de educación ambiental, asociacións, museo ou municipios de todo o mundo organizan eventos especiais para salientar a importancia da educación ambiental.

Seminario Resclima
A vindeira semana, está prevista ademais a celebración do IV Seminario Resclima e o II Encontro da Rede Internacional de Pesquisadores en Educaçao Ambiental e Justiça Climática. Nestas actividades abordaranse algúns dos retos inmediatos para que os sistemas educativos orienten as súas prácticas pedagóxicas á consecución dos obxectivos de mitigación e adaptación que a comunidade científica internacional sinala como imprescindibles para ter certo control sobre un clima cada vez máis hostil. Este é un evento internacional a celebrar no Auditorio de Galicia e cuxo programa xa está dispoñible en web.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.