Cultura, Literatura, Portada — 14 marzo, 2018 a las 15:37

O festival Alguén que RESPIRA! ábrese á poesía

Por

 Alguén que RESPIRA!, e o nome da primeira edición do Festival de Poesía que terá lugar no Teatro Principal da cidade compostelá e  que organiza o Concello coa colaboración da Secretaría xeral de Política Lingüística. 

Baixo a mirada do director artístico do festival,  Antón Lopo,  se vivirán catro as xornadas  con algunhas  das voces singulares e importantes da poesía galega e internacional, desde María Xosé Queizán a Olvido García Valdés, pasando por Andrew McMillan, Raquel Lima, Estíbaliz Espinosa, Olga Novo ou Niño de Elche, creador revolucionario do cante flamenco que traerá a Compostela o seu espectáculo poético, exhibido só de forma esporádica.

FOTO. de izquierda a dereita: O director artístico do festival, Antón Lopo, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra e o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García

Múltiples actividades no Teatro Principal do 21 ao 24 de marzo
O festival inaugúrase o mércores 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, coa lectura do manifesto que este ano se lle encargou a María Xosé Queizán; e prolongarase ata o sábado 24 con recitais, conferencias, diálogos e proxeccións. todos eles desenvolvidos en distintos espazos do Teatro Principal, o emblemático e histórico escenario da cidade. O mesmo día 21, ás doce do mediodía, unha salva de foguetes celebrará tanto a xornada como o inicio do programa, que nesta primeira edición ten dous temas centrais: a oralidade na base do impulso poético e os procesos de creación lírica nos territorios en conflito bélico, con especial atención aos refuxiados. O primeiro dos recitais terá lugar ás oito da tarde do día 21, coa intervención de Andrew McMillan, Olga Novo, Olvido García Valdés, Salvador García Bodaño, María Sevilla e María Xosé Queizán.

As actividades da segunda xornada, o xoves 22, comezarán ás cinco da tarde cun café-diálogo no que participan Andrew McMillan e Olvido García Valdés acompañados por Isaac Xubín e Ana Romaní. A partir das sete da tarde terá lugar o recital Catro graos de abertura, título que fai referencia aos catro graos de abertura das vocais en galego e que, nun programa dobre, inclúe dous enfrontamentos de regueifa [o de Alba María con Queco Díaz e o de Lupe Blanco con Suso de Xornes] e un torneo de slam, coa participación dos mellores slamers que actualmente traballan en Galicia e Portugal: Duke Sam, Nuria Vil, Oriana Méndez, Carlos da Aira, Esther Carrodeguas, Raquel Lima e Vítor Hugo Moreira. O torneo, con acompañamento musical de Velpister, estará presentado por Silvia Penas. Para pechar a xornada, a partir das dez da noite, o recital Poesía no fío ofreceralle aos espectadores a proposta nos lindeiros poéticos que formulan, conxuntamente por encargo do festival, Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes.

O venres 23 divídese en tres apartados, que abranguen desde a poesía performática á videopoesía. Ás seis e media da tarde, o festival propón no recital Atravesei a verxa un percorrido por insólitos espazos do Teatro Principal a través das voces de Isaac Xubín, Luísa Castro, Xabier Xil Xardón e Javier Peñafiel.

Os espectadores non só se adentrarán en liñas de recitación personalísimas senón que tamén descubrirán ámbitos do teatro con acceso restrinxido, como o fallado, as terrazas ou os camerinos. A partir das oito da tarde, dese mesmo 23 de marzo, celebrarase unha sesión centrada na Escrita en conflito, título que reúne o testemuño directo de Miguel-Anxo Murado sobre a Literatura nos espazos de conflito bélico, e o recital do refuxiado sirio Mohamad Frias Alshaheen e o saharauí Bahia Mahmud Awah, presentado por Iván Prado, responsable da organización Pallasos en Rebeldía. A xornada pecharase a partir das nove e media da noite coa proxección de varios videopoemas de Miriam Reyes, Estela Pan, Cintaadhesiva e Celia Parra.

Finalmente, o sábado 24, o festival clausúrase cun recital ás dez da noite, presentado por Ana Romaní,
no que participan Estíbaliz Espinosa, Ana Vallés con Nuria Sotelo e Lupe Gómez, ademais de Niño de Elche.

Un libro excepcional para un festival único
Con motivo da celebración do festival, a Concellería de Acción Cultural e a Secretaría Xeral de Política Lingüística editaron un libro que inclúe o programa completo do ciclo e as achegas poéticas de cada un dos participantes. O volume, deseñado por Manolo Martínez, presenta, xunto a un pequeno perfil biográfico, importantes novidades literarias, xa que nel aparecen os avances dos novos poemas de Olga Novo, as primeiras traducións ao galego de Andrew McMillan –realizadas por Isaac Xubín–, ou de Mohamad Firas, ademais de textos inéditos de Luísa Castro, Xil Xardón, Silvia Penas e Oriana Méndez, ou os primeiros poemas en galego de Miriam Reyes. Inclúese, así mesmo, o Manifesto que o festival lle encargou a María Xosé Queizán. 

Tres producións propias para incentivar a creación
Alguén que RESPIRA! non só intenta ser un expositor de tendencias ou un lugar de encontro para afeccionados e afeccionadas á poesía, senón que fai tamén unha aposta por incentivar experiencias que, habitualmente, non teñen un especial apoio. Ese é obxectivo de programa de producións, xestionadas desde o festival con distintos creadores para ampliar o horizonte poético e proporcionar porosidades onde conflúan dimensión creativas interdisciplinares. Este ano, as propostas de produción foron para un espectáculo de Ana Vallés sobre a poesía de Lupe Gómez, outro de Clara Gayo, Carlos Santiago e Zé Paredes, e por último un videopoema de Miriam Reyes, o primeiro en galego desta autora nacida en Ourense que, porén, desenvolveu a súa actividade sempre fóra de Galicia.

Entradas de balde
As entradas a todas as actividades do festival son de balde, previa retirada de invitación no despacho de billetes do Teatro Principal. Os convites estarán dispoñibles a partir do xoves, día 15 de marzo, e poderanse recoller das 18 ás 21 h.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.