Santiago de Compostela e os subministros de alimentos aos colectivos máis vulnerables

PHOTO: LUIS CAGIAO / SHUTTERSTOCK

Santiago de Compostela. 20/03/2020. O Concello de Santiago de Compostela quere garantir que os colectivos máis vulnerables reciben alimentos básicos e produtos de primeira necesidade. Con ese obxectivo, a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, fai un chamamento ás tendas de barrio para que colaboren na subministración dos mesmos.

As que queiran sumarse á iniciativa deben chamar ao teléfono de Servizos Sociais 981 54 24 65, en horario de nove da mañá a dúas da tarde, de luns a venres; ou mandar un mail ao correo electrónico ssociais@santiagodecompostela.gal.

Os beneficiarios desta medida serían aquelas personas maiores que vivan soas, persoas con mobilidade reducida, ou persoas que se atopen en corentena. Sinala Mila Castro que «son as pequenas tendas, é o pequeno comercio, o que mellor coñece as veciñas e veciños do barrio e o que mellor coñece as súas necesidades». Segundo explicou a concelleira de Políticas Sociais, tamén se beneficiarán as familias que acrediten escasos recursos económicos, que poderán recoller os alimentos e produtos de primeira necesidade nestas tendas sen ter que pagalos, xa que se aboarán a través dunha conta do Concello.

Este chamamento á colaboración das tendas de barrio, faise despois da reunión mantida o luns coas grandes superficies comerciais, que tamén están colaborando co goberno municipal

010
Hoxe comezou a funcionar o teléfono gratuíto de atención á veciñanza para situacións de emerxencia Social, o 010. Será atendido por voluntariado de Protección Civil, de oito da mañá, a oito da tarde. Fóra deste horario, as chamadas de emerxencia serán recollidas nos números de Protección Civil, 981 54 31 05, e da Policía Local, 981 54 23 23, que están operativos as 24 horas.

No 010 aténdense as necesidades dos colectivos de maior vulnerabilidade, como persoas maiores que vivan soas ou con outra persoa tamén de idade avanzada; persoas en situación de dependencia, que vivan soas ou que o seu coidador principal, non poida exercer adecuadamente o seu rol por atoparse baixo os efectos da enfermidade: persoas con problemas de saúde crónica e/ou persoas con discapacidade e mobilidade reducida; persoas con ausencia de apoio familiar e/ou social ou cunha inadecuadas rede de apoio; e persoas en situación de fraxilidade por dispoñer de factores de risco sanitarios.

Ademáis de información xeral, e atendendo á situación de crise na que nos atopamos, servirá para detectar a demanda de necesidade de apoio para a realización de xestións diarias, como compra de alimentos básicos, produtos farmacéuticos, ou apoio social. En concreto, encargarase de identificar ás persoas que solicitan a demanda, o seu domicilio e o teléfono de contacto; facilitaralle información sobre os servizos e recursos existentes no termo municipal; e será a canle de transmisión das demandas dos usuarios e usuarias coas principais entidades de iniciativa social da cidade. Tamén derivará aos Servizos Sociais Comunitarios aquelas situacións ás que non se lle poida dar resposta a través do voluntariado e se precise unha intervención profesional.

Imaxe de arquivo do Concello. Xosé Sánchez Bugallo

 

Mañá, venres, comezará a funcionar o 010, un teléfono gratuíto para centralizar as demandas de atención social

Santiago de Compostela. 18/03/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, anunciou que o número telefónico 010, habilitado polo Concello, comeza a funcionar a partir do venres, de 8:00 h. a 20:00 h. Calquera persoa que non poida saír á rúa pode chamar a este teléfono. Servirá, sinalou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno Local, reunida con carácter extraordinario; «para centralizar as demandas de atención social». Tamén se acordou a eliminación da ORA en tres zonas: campus Sur, avenida de Ferrol e Pontepedriña.

SERVIZO DE COMEDOR
Tamén se acordou tramitar, por vía de emerxencia, a contratación do servizo de comedor escolar. Sánchez Bugallo recórdalle ás familias que teñen bolsas de comedor escolar e que xa comunicaron que ían recoller os menús, que terán que facelo o luns, día 23, (e non o venres, 20 como estaba previsto) nos puntos de recollida xa concretados co Concello.

Sánchez Bugallo tamén anunciou que máis da metade das prazas de zona ORA serán gratuitas a partir do venres. A medida afectará aos aparcamentos de Pontepedriña, Campus Sur e Av. de Ferrol, un total de 990 prazas de aparcamento, das 1.700 coas que conta a zona ORA na cidade. Unha das razóns porque non se estende a gratuidade a toda a cidade ten que ver co persoal. «A nosa intención», sinalou o alcalde, «é que se manteñan o cen por cen dos postos de traballo».

PREGUNTAS
A preguntas dos xornalistas, Sánchez Bugallo indicou que se están tramitando 11 denuncias relacionadas co incumprimento das medidas decretadas por mor do estado de alarma. Unha cifra pequena, subliñou. De momento, «non observamos reincidencia algunha e estamos moi satisfeitos da colaboración cidadá», engadiu.

Sobre a UME, explicou que está realizando os «servizos de desinfección indicados por Alcaldía na estación de autobuses, na estación de tren, nas dársenas, en hospitais, etc,». «Nós», engadiu, «estamos encantados de recibilos e agradecidos do traballo que están facendo».

O alcalde sinalou que todos os servizos están funcionando, aínda que algúns con limitacións. «Existe unha parte importante de persoas teletraballando desde o seu domicilio», engadiu. Porque reiterou, agora toca quedar na casa, xa que de momento, as necesidades da poboación máis vulnerable están cubertas a través dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil e de Cruz Vermella.

Por outra banda, anunciou que todas as persoas que vivían na rúa, 16 en total, están reubicadas en albergues e hostais, xa que «entendemos que deben vivir nunhas condicións dignas» a aí estarán mellor que nun polideportivo municipal.

En canto ao pago dos impostos municipais, afirmou que esa é unha cuestión que se tratará na Xunta de Goberno do luns que vén.

O Concello lembra que a atención a través de voluntarios está garantida con Protección Civil e Cruz Vermella

Santiago de Compostela. 17/03/2020. No día de hoxe, a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, agradece as numerosas mostras de solidariedade da veciñanza compostelá, pero lembra que a mellor forma de axudar e adoptando as medidas de autoprotección establecidas polas autoridades sanitarias e, polo tanto, permanecendo na casa

A edila de Servizos Sociais fai un chamamento á prudencia: “estamos ante unha grave alerta sanitaria na que se nos indica que, como primeira medida para evitar o contaxio e a propagación do virus, permanezamos nas nosas casas. Polo que, determinadas iniciativas, feitas coa mellor vontade, poden derivar en problemas importantes”.

O Concello está a traballar con dous equipos de voluntarios: Cruz Vermella e Protección Civil, con ampla formación e información sobre o traballo a realizar e con experiencia en como se deben facer este tipo de intervencións, o que permite garantir a calidade das mesmas.

Cando estas entidades non teñan capacidade para atender a demanda de servizos farase unha petición pública de novos voluntarios, que se canalizará a través dos Servizos Sociais do Concello, pero mentres tanto “pedimos prudencia e responsabilidade”, recalcou a concelleira.

Como lembra Cruz Vermella, a Lei de Voluntariado de 2015 establece uns requisitos sobre as persoas que poden exercelo. Así, para determinados programas de voluntariado requírese que os voluntarios non fosen condenados por sentenza firme por delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, trata e explotación de menores e, noutros casos, establécese que non poidan ter a condición de voluntarios aquelas persoas que cometesen delitos especialmente graves. Así mesmo, establécese que o voluntariado deberá realizarse dentro de entidades de voluntariado

O acordo de incorporación constitúe o instrumento principal da definición e regulación da figura do voluntariado dentro dunha entidade, á vez que garante un marco organizativo e formativo para a persoa voluntaria, a dispoñibilidade dun seguro que lle cobre no desenvolvemento da actividade e o correcto control das actividades levadas a cabo coas persoas usuarias.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.