O Colexio de Xornalistas encomenda aos medios de comunicación que 2020 sexa o ano da paridade

A Xunta de Goberno deseña unha campaña para este 8M que reivindica o papel do humor gráfico como arma para combater o machismo

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia pon en marcha unha nova campaña divulgativa en defensa da participación equilibrada dos homes e das mulleres en todas as esferas da vida (política, económica e social). A paridade é un indicativo da calidade democrática dos países e tamén o mellor retrato da sociedade real.

Por esa razón, e para insertarse con éxito nas comunidades nas que operan, os editores dos medios, os seus cadros de persoal e os produtos infomativos que difunden deben asumir o novo sentido común da igualdade entre sexos. De que o fagan dun xeito real e decidido dependerá o cumprimento da súa función como instrumentos para a cohesión social.

Neste 8 de Marzo de 2020, e baixo o lema #2020FiftyFifty, o Colexio lémbralles aos medios o obxectivo ineludible da paridade e conmínaos a aplicala tamén nas súas estruturas de dirección. A presenza das mulleres como protagonistas das noticias e fontes expertas é tan relevante como a revisión crítica dos estereotipos. É radicalmente impropio poñer o foco no corpo das mulleres, hipersexualizalas ou presentalas como vítimas ou suxeitos pasivos sen voz. Así mesmo, cómpre rematar coas diferenzas salariais e contractuais que manteñen as xornalistas nunha posición laboral máis feble e precarizada que os seus compañeiros.

Congratúlanos este ano contar coa especial visión dos humoristas gráficos sobre todos estes problemas. E agradecemos a especial colaboración de Iria Fafián, Sesé Mosquera, Luís Davila ‘O Bichero’, Ana Moreiras, Xosé Lois González ‘O Carrabouxo’, Kiko da Silva, Ruth Caramés e Xaquín Marín. Como adoita acontecer, as súas propostas creativas e os seus editoriais parten dunha posición de lucidez que hai que tomar sempre moi en serio.

A Xunta de Goberno do Colexio de Xornalistas agarda que os sorrisos que provoquen estas viñetas sexan un revulsivo definitivo para o cambio.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.