O Colexio de Psicoloxía premia a labor da Rede Galega Contra a Pobreza

A Rede Galega da Loita contra a Pobreza recibirá este venres 14 de outubro o máis significativo galardón que concede o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, o premio Dolores Llópiz: Psicoloxía e Sociedade. O acto, que se celebrará no Parador de Ribadeo (Lugo), será no marco do encontro Achegas da Psicoloxía, onde se congregan os colexiados e colexiadas desde hai xa oito anos.

O Premio Dolores Llópiz é o máximo galardón que entrega o COPG e que pretende distinguir á persoa, institución ou asociación que teña contribuído ao desenvolvemento da profesión. Nesta ocasión, a Xunta de Goberno do Colexio acordou outorgarllo á Rede Galega da Loita contra a Pobreza ao significar que, tal e como recolle o seu fallo, «o seu traballo con colectivos en situación de vulnerabilidade dá voz a persoas que sofren con virulencia as consecuencias da exclusión e que non atopan outra posibilidade de representación nunha sociedade na que se ten incrementado notablemente a pobreza e o risco de padecela».rede-galega-de-loita-contra-a-pobreza

Con este recoñecemento, o COPG quere destacar deste modo o labor do terceiro sector, que nun momento no que a resposta do estado do benestar requiría unha esixencia maior, paradoxalmente veuse minguado con políticas de austeridade, e diante do incremento das necesidades sociais, as organizacións non lucrativas asumiron boa parte desa responsabilidade.

A loita contra a pobreza é o maior reto da sociedade, xa que del depende en boa parte o benestar da cidadanía, con graves efectos que tamén se manifestan a nivel psicolóxico. Por iso, desde o Colexio de Psicoloxía consideran fundamental a actuación da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, «pola súa incidencia política, dado que a saída da pobreza pasa ineludiblemente por políticas públicas decididas e suficientemente dotadas que poñan fin ás causas desa carestía e que palíen os efectos producidos».

«Cómpre enxalzar a loita contra a actitude determinista predominante no relativo á pobreza, sabedores e sabedoras de que podemos conseguir unha sociedade igualitaria e máis xusta. E destacamos o labor da Rede Galega da Loita contra a Pobreza en contra dos prexuízos, dos estereotipos e da estigmatización das persoas en situación de carestía na sociedade», recollen no fallo.

Programa Achegas da Psicoloxía 2016

Ao longo do 14 de outubro daranse unha serie de actos na vila de Ribadeo, no marco deste encontro dos psicólogos e psicólogas galegas. Comezarán ás 12 do mediodía, cunha recepción na Casa do Concello por parte do alcalde de Ribadeo, que lles dará a benvida ao municipio da mariña lucense. Ás 13 horas, no Hotel O Cabazo (Ribadeo) terá lugar o «Encontro interterritorial galegoasturiano: retos da psicoloxía no actual contexto socioeconómico; repensando a profesión na sociedade», gratuíto e aberto ao público. Trátase dun foro coa participación do decano do Colexio Oficial de Psicólogos do Principado de Asturias, Ramón Vilalta Suárez, e da decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Mª Rosa Álvarez Prada, co fin de reflexionar sobre o papel e os retos da psicoloxía na sociedade actual, aténdose a puntos comúns e as diferenzas entre ambos os territorios.

Xa na tarde, ás 18 horas e tamén aberto para o público, ofrecerase a conferencia «Reescribir o futuro. Historias de exclusión e resiliencia» no Parador de Ribadeo, impartida polo relator Francisco Javier Aznar Alarcón. Este psicólogo clínico e máster en Terapia Familiar e en Neurociencias é membro da International Attachment Network Iberoamericana (IAN IA) e especialista en apego e narrativa. É psicoterapeuta no Centro de Asesoramento e Psicoterapia da Fundación Meniños, así como supervisor e consultor de profesionais e equipos que traballan en atención a menores en situación de risco e desamparo.

Sé el primero en comentar

Dejar una contestacion

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.


*


Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.